A leira e a vivenda de Cacheiras que a investigación sitúa como posible escenario do crime véndese por case un millón de euros
01 oct 2013 . Actualizado á 07:00 h.«A nosa experiencia a día de hoxe é que este tipo de propiedades non teñen comprador porque non hai demanda no mercado». O que fala é un experto axente inmobiliario de Santiago -que prefire quedar no anonimato- ante o anuncio de venda da casa que construíu o avogado Francisco Porto Mella en Cacheiras (Teo), a propiedade onde os investigadores sitúan o escenario probable da morte da súa neta, Asunta Basterra Porto.
O anuncio da leira de 10.000 metros cadrados sobre a que se levanta unha casa de 400 útiles aínda está dispoñible en varios portais especializados a través de Internet, con prezos que varían entre os 900.000 e os 990.000 euros. «Pode haber algún cliente que che pida un chalé exclusivo porque vén dunha grande empresa -engade-, pero a día de hoxe semellante propiedade non atopará comprador».
No momento económico actual, o experto sinala que a única saída que tería o vendedor sería que se interesase unha firma de hostalería para explotala como casa rural, pero o importe é demasiado elevado. «Cando alguén vende unha casa deste estilo -di o axente- adoita pedir moito porque no prezo lle mete o valor sentimental que poida ter, pero iso ao comprador dálle igual, porque terá que adaptar a propiedade ás súas circunstancias».
Toda unha propiedade
Catrocentos metros cadrados de casa, 10.000 de soar, cinco cuartos dobres, cinco baños, iluminación, asfaltado, lavadoiro, comedor, terraza, piscina, cancha de tenis, adega... Os anuncios, que foron renovados o pasado 16 de setembro en, polo menos, dous das webs nas que están inseridos, realizan unha completa descrición da mansión e inclúen as imaxes que acompañan esta páxina.
O case millón de euros da propiedade que hoxe figura a nome de Rosario Porto Ortega dista moito das escasas operacións inmobiliarias de compravenda que se pechan nas axencias da capital de Galicia. «O que busca a xente de Santiago son pisos ou casas pequenas, de dúas ou tes cuartos, que non supoñan un desembolso maior duns cen mil euros. Xa non é momento de grandes propiedades».
Outro obstáculo para a venda, ademais do prezo e o tamaño: que a febre de ir vivir nos arredores decaeu, así que se alguén estivese disposto a pensarse a operación, en todo caso, sería moi por baixo das expectativas do vendedor. A situación procesual da propietaria, no entanto, e todo o que rodea á morte da pequena Asunta imposibilitan unha venda a medio prazo.
Despois do rexistro efectuado na casa e na leira o mércores da semana pasada, a Garda Civil procedeu ao precintado do portalón de acceso. As televisións seguen montando garda fronte ao número 44 de Pobra e algún veciño non dúbida ao describir como «unha feira» o lugar, sobre todo durante a xornada do domingo. E non tanto polos medios de comunicación que non se moven, sen pola cantidade de persoas que acoden ao lugar para saciar a súa curiosidade. O mesmo ocorre na pista forestal de Feros, a case cinco quilómetros da leira de Rosario Porto, onde é constante a trasfega de vehículos que se achegan á cuneta na que apareceu o cadáver.