En serio: xogamos a costa

GALICIA

SIRO

O súbito interese de grandes inmobiliarias por masificar o litoral galego disfrázase como unha oportunidade para o desenvolvemento, pero é todo o contrario

18 dic 2005 . Actualizado á 06:00 h.

Pode haber algo máis lambón para un promotor inmobiliario ávido de negocio que o enclave natural das rías galegas? Está claro que non. Pode haber maior fortuna para o dono dunha leira de 3.000 euros que recibir unha oferta de compra por 300.000? Evidentemente, non hai mellor lotería. E pode un alcalde dun municipio en regresión, que perde habitantes e actividade económica, facerlle noxos á chegada de emprego, diñeiro e novos veciños? Sen dúbida que resulta case imposible imaxinalo. Como se ve, a tentación non pode ser máis forte. Vai ser moi difícil combater eses argumentos tan tallantes. E con todo, polo futuro de Galicia resulta crucial gañar ese combate contra os intereses perentorios. Porque todo iso que a primeira vista parece un desexado maná, unha bendición e unha salvación en toda regra, é, en realidade, un veleno mortal para o que non existe antídoto. As voces de alarma que empezaron a xurdir neste xornal e en ningunhas outras instancias teñen toda a razón: os que acoden a colonizar a costa galega con masificadas e despersonalizadas urbanizacións non traen desenvolvemento, senón a sentenza de morte dun dos nosos maiores valores estratéxicos. Veñen destruír xustamente o que venden: unha paisaxe idílica, unha natureza incomparable, un remanso virxe, un paraíso para gozar da vida. Sen dúbida, o litoral galego pode xerar moita máis riqueza que a que hoxe ofrece se planifica a actividade económica sobre os seus valores esenciais, que non son outros que a acuicultura, a paisaxe e o turismo. Pero só funcionará máis aló dunha xeración se ese crecemento leva a cabo coidando e resaltando os seus valores; non destruíndoos. É o que conviñemos en chamar desenvolvemento sostible. O que nos propoñen está moi lonxe de selo. É a degradación total. E se picamos no anzol, xa non haberá marcha atrás.