O Espanyol é a revelación da Primeira División ata o de agora e Manolo González, a pedra filosofal que move o proxecto. Un adestrador fóra dos estereotipos do fútbol profesional, cunha historia de traballo detrás e cunha mente privilexiada para desfrutar dunha paixón que agora é a súa profesión.
Non debe ser doado combinar horas conducindo un autobús e logo coller a pizarra para adestrar en equipos de formación como fixo nun primeiro instante. Tampouco rachar con todo e marchar a Ibiza para adestrar a un descoñecido como a Peña Deportiva. E moito menos atreverse a coller a un histórico do fútbol español cando estaba a piques de encaiar no fútbol de prata.
Cando chegou, Manolo mandou aos seus a picar pedra. O do Courel cambiou vivir da historia pola cultura do traballo e o equipo ascendeu. En Primeira, tivo momentos complicados, estivo a pouco da destitución, pero salvou a situación convencendo aos seus xogadores da intensidade, das transicións de vertixe e de que o primeiro precepto é defender. O pasado verán, o Espanyol recoñeceulle o seu esforzo e reforzou ao equipo con xogadores ideais para o seu perfil e o resultado foi unha excelente pretempada que anunciaba o que viña en camiño: un equipo instalado en Europa dende as primeiras xornadas e con todo a favor para devolver aos pericos á competición continental ao remate da liga.
Por iso, máis dun xogador xa pide un cargo vitalicio para Manolo, a quen consideran o Ferguson perico, pola súa maneira de ser, pola súa implicación no club e por non perder nunca a perspectiva de onde ven. Tamén pola súa franqueza e as súas frases célebres. Recoñeceu que a eliminación co Atlético Baleares «foi unha cagada» e onte dixo estar esperanzado con «pegar una hostia» esta noite en San Mamés. Un tipo normal que conduce a un bo equipo cara Europa. Sen renegar das súas orixes.