A sentida homenaxe do Rápido de Bouzas a Iñaki Cabaleiro, técnico falecido aos 36 anos

LA VOZ VIGO

FUTBOL GALLEGO

Homenaje del Rápido de Bouzas a Iñaki Cabaleiro.
Homenaxe do Rápido de Bouzas a Iñaki Cabaleiro. RÁPIDO DE BOUZAS

O vigués formara parte da estrutura do club durante anos; o Fursan, onde adestraba no momento da súa morte, e outros clubs de Emiratos tamén lle lembraron a pasada fin de semana

26 nov 2025 . Actualizado á 05:00 h.

O Rápido de Bouzas envorcouse a pasada fin de semana para homenaxear ao técnico vigués Iñaki Cabaleiro Pérez, falecido de xeito repentino aos 36 anos hai uns días. Sufriu un ataque ao corazón estando en Dubái onde adestraba no Fursan Hispania, club de Míchel Salgado, desde o ano 2023; tamén este club e outros de Emiratos Árabes Unidos tiveron xestos en recordo do adestrador nos últimos días. 

Os diferentes equipos do club aurinegro, onde Cabaleiro deixara unha gran pegada, levaron unha rosa amarela cada un «como mostra de cariño e respecto» -sinalan desde a entidade- durante os partidos da fin de semana. Ademais, o venres, tras transcender a tráxica perda, situouse un ramo de flores no banco local do Baltasar Pujales, o campo do Rápido, onde os futbolistas dos distintos conxuntos gardaron un minuto de silencio antes de comezar a adestrar. «Un xesto sinxelo, pero necesario, para alguén que se merecía unha boa homenaxe por todo o que deixou no noso club», explicaban posteriormente.

Paralelamente, en todos os partidos da liga de academias de fútbol de Dubái gardouse un minuto de silencio en memoria de Cabaleiro. Ademais, os xogadores o Empire Football Club posaron cunha pancarta coa súa imaxe e a mensaxe: «Sempre nos nosos corazóns». A través das redes sociais, as mostras de pesar foron innumerables, tamén por parte de xogadores que estiveron ás súas ordes e pais agradecidos polo trato que tivo cos seus fillos.

Cabaleiro, nacido en Vigo en 1989, estivo vinculado o Rápido de Bouzas enre os anos 2013 e 2019, ata que iniciou as súas primeiras andainas en proxectos de Míchel Salgado -que se mostrou «esnaquizado» polo adeus de alguén a quen consiedraba amigo-, xa en Dubái e tamén en Madivas. De volta a Vigo durante un ano, formou parte da estrutura do Celta como segundo adestrador dun dos equipos de categoría alevín e monitor na Fundación Celta, antes de iniciar o proxecto no que estaba inmerso ata que lle sobreveu a morte, a súa faceta de adestrador no Fursan Hispania.