A Guía de La Voz ensina todos os detalles do mellor fútbol da Costa

FUTBOL GALLEGO

Sairá á venda este sábado e custará un euro, máis a compra do xornal
03 sep 2025 . Actualizado á 05:00 h.Comeza un novo curso futbolístico e non podía faltar a Guía de La Voz para desentrañalo e ensinarlle todos os detalles a aquelas persoas que se afastan da pelota durante o estío. A completa publicación que ofrece todos os detalles sobre o fútbol galego sairá á venda este sábado. Custará un euro, ademais da compra do xornal. Son 168 páxinas con miles de datos e de fotografías. Os 42 equipos do fútbol profesional terán o seu espazo, cos seus persoais xa pechados; pero tamén todo o balompé galego ata Primeira Futgal, incluída; a máis diso as tres primeiras categorías xuvenís e as dúas de cadetes e infantís.
No relacionado o fútbol da Costa da Morte, o lector poderá coñecer en profundidade os persoais e os obxectivos dos equipos de Segunda Federación (Bergantiños), Preferente (Dumbría, Sofán e Paiosaco) ou Terceira Federación feminina (Bergantiños). En total, 107 futbolistas sairán nesta guía coa súa foto individual, ademais de rexistrar a información máis relevante sobre os presidentes, adestradores e as entidades. Así mesmo, aparecerán os persoais do Club do Mar de Caión, Camariñas, Muxía, Fisterra ou Queixas, clubs que competirán no grupo 2 da Primeira Futgal e dos que o lector coñecerá as novas fichaxes.
A Guía non perde detalle, tampouco, da base. Desde xuvenís ata infantís, con protagonismo para o Bergantiños, Dumbría ou Cee. É unha verdadeira enciclopedia para coñecer os segredos do mellor fútbol autonómico, que bota o domingo para rodar.