O tándem Luis Carro e Edu Charlín guiará o Céltiga no seu centenario

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

FUTBOL GALLEGO

CEDIDA

O vilanovés renova á fronte do vestiario e o cambadés asume a dirección deportiva

24 jun 2025 . Actualizado a las 20:34 h.

O Céltiga xa ten oficiais de mando para o regreso do primeiro equipo á Tercera RFEF. Luis Carro vén de aceptar a oferta de renovación ofrecida pola directiva que preside Ricardo Dios, Harry. Unha proposta con letra pequena, ou grande, segundo se mire. Conscientes do cansancio do técnico vilanovés tras tres intensos anos no vestiario do Salvador Otero e da década longa de esixentes exercicios encadeados no Juventud Cambados, no CD Ribadumia, con participación na Copa do Rei incluída, e do propio Céltiga, os directivos deste último apostaron por facer medrar a entidade coa creación da figura do director deportivo. Un cargo destinado a descargar de tarefas e a apoiar a Luis Carro e que asume un vello coñecido do conxunto arousán, o cambadés Edu Charlín, estratega do ascenso á Tercera no curso 2015/16. Un tándem, o formado por Luis Carro e Edu Charlín, coa misión de converter a tempada do centenario do club —a efeméride produciráse a finais do vindeiro mes de marzo— nunha gran festa sobre os terreos de xogo do fútbol de categoría nacional. 

«Contento. Con moita ilusion e con moitas ganas de desfrutar deste ano. Feliz e orgulloso de ser o adestrador do centenario. Creo que é algo que me vai marcar», declaraba Luis Carro tras facerse pública a noticia da súa continuidade no Céltiga.

«Encantado e agradecido de que o club conte comigo para un ano tan especial, o do centenario. Queremos que sexa un bonito ano e que A Illa goce del», comentou pola súa banda Edu Charlín, que estrea condición de director deportivo tras algo máis dunha década dirixindo varios equipos, o último deles un Moaña que deixou ás portas da promoción de ascenso á Tercera RFEF, sexto xusto por detrás doutro dos seus ex equipos, o Juventud Cambados. «A finais da tempada a directiva de Harry contactou comigo para contarme a súa idea de ter un director deportivo e que contaban comigo», desvela Edu Charlín. Un posto que, sinala, adaptará o Céltiga ás necesidades dos novos tempos e dunha categoría como a Tercera RFEF: «O primeiro equipo demandaba unha persoa que estivese no seu día a día e que descargase de parte do traballo ao adestrador, que ata agora o facía todo. Vai ser facer un traballo na sombra para tentar facerlle o día a día máis levadeiro ao corpo técnico, aos xogadores e á directiva. Imos tentar manter o equipo en Terceira, que non sexa un equipo ascensor, e ofrecer un ano bonito no centenario do club», di Edu Charlín.

O cambadés tivo claro que «o primeiro no que tiñamos que centrarnos era en renovar a Luis, unha persoa moi importante no proxecto, que leva tres anos mellorando o club, facendo un traballo moi bo». Conseguido o primeiro obxectivo, agora toca reunir un cadro de xogadores que podería parecerse moito menos ao que conseguiu o ascenso do que desexan no Céltiga.

Neste punto, Luis Carro lembra que a normativa da Tercera RFEF limita a 16 o número de futbolistas por riba da idade sub-23. Sendo que no equipo do ascenso só un dos 19, Álex Rodríguez, era sub-23, «para poder reforzarnos ben, ao mellor temos que dar máis baixas das que quixeramos», di o vilanovés. Un traballo co que comezará a lidiar a finais desta mesma semana man con man con Edu Charlín.