Cousas de pobres

Mercedes Corbillón A CIDADE E Os LIBROS

FUGAS

Manifestación recente pola vivenda en Madrid.
Manifestación recente pola vivenda en Madrid. Marcial Guillen | EFE

Imos indo, así se resume a vida de tantos, da maioría á que nunca queremos pertencer e na que non nos recoñecemos a pesar de que o espello se empeña en devolvernos a nosa imaxe, sempre tirando, entre a precariedade e a esperanza porque se imos indo significa que avanzamos, pero cargamos cun peso, cunha sombra, cun fantasma que se nos aparece en forma de caldeira avariada ou de moa picada ou de adolescente con zapatillas rotas. Imos indo nun exercicio de ximnasta que se sente cómoda na barra de equilibrios polo costume de camiñar nunha liña estreita sobre a que hai que aguantar os envites do vento, da treboada que ameaza sen chegar a cumprir, deseguida sae o sol, ou iso esperamos. Imos indo sen dramas, pero non sen trabas que nos fan perder o pé, unha derrama, unha goteira, unha cita co terapeuta que nos axude a ver o lado bo das cousas, que nos lembre, sen que o cubra a seguridade social, que os ricos tamén choran e que nunca choveu que non escampase.

A autoaxuda, ese gran invento do capitalismo, capaz de arranxar insatisfaccións sen custos de produción engadidos, aínda que as charlas motivacionais andan a prezo de ouro, unha pasta que algúns pagan para conseguir que a realidade non se pareza á realidade, douscentos euros roubados á conta dos extras inesperados para que che digan que podes deixar de ser un loser, que é un perdedor cunha u moi longa estirada na lingua barata dos que venden o éxito no verso e no metaverso, neoliberais de pel pintada baixo o disfrace de traxe executivo; e imos indo e todo vai rimando ás veces en asonante e ás veces en consonante e ás veces a vida é un poema torto que envía a caseira por burofax avisando do fin do contrato porque, de repente, todos os alugueiros se acaban, se volatilizan, desaparecen substituídos por alcobas a 500 pavos onde non se pode fumar nin levar a ninguén, como nunha pensión dos anos trinta pero sen sopa para cear, e os funambulistas sen rede que non compraron vivenda xa só teñen cordas das que agarrarse ou colgarse, pero iso non, mellor non mencionar á desesperanza que ir imos indo, aínda que nos pasen cousas de pobres con conciencia e con retranca e non saibamos, décadas despois de Alfonso Daniel, se os políticos representan aos caciques ou é ao revés.