O ben morrer

Ramón Nicolás

FUGAS

Imaxe da cuberta da «Arte de non morrer».
Imaxe da cuberta da «Arte de non morrer».

«A arte de non morrer», subtitulado «Antropoloxía da lonxevidade galega», destaca pola súa orixinalidade e interese. Obtivo o Premio Ramón Piñeiro de ensaio na última convocatoria

06 nov 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Entre os últimos libros de ensaio aos que puiden achegarme nos últimos tempos destaca, para min, pola súa orixinalidade e interese A arte de non morrer, subtitulado Antropoloxía da lonxevidade galega, que foi premio Ramón Piñeiro de ensaio na última convocatoria e que chega da man do médico Roberto Fernández, de quen xa me ocupara nestas páxinas da súa suxestiva novela A inmoral doutora Cons, premio Blanco-Amor de novela no 2002.

Non transita por vez primeira o seu autor nestes eidos que establecen un diálogo entre ensaio e lonxevidade aínda que si sexa, talvez, onde se asoma con maior profundidade ás razóns que poden explicar que Galicia sexa un dos territorios do mundo cun número máis elevado de persoas centenarias e que, como sinala o autor, «gozan dunha lonxevidade saudable».

Cunha estrutura segmentada que nos vai guiando por diversos aspectos da lonxevidade o autor non abandona, e isto é moi relevante, un rexistro acaído para o xénero que ao mesmo tempo non impide, todo o contrario máis ben, que se revelen con claridade os diversos ángulos que resultan necesarios para iluminar e entender esta realidade. Roberto Fernández atesoura un valor infrecuente como é o de empregar a escrita ensaística como reflexo do cotián, facelo de xeito transparente e, en ocasións, sen evitar o relato de situacións ou experiencias que transmiten unha fonda emotividade. O rigor científico e a descrición de realidades tiradas da experiencia é un dos méritos desta publicación de maneira que entendemos como a lonxevidade —ese «ben morrer» se se nos dá a opción— pode ter unha fonte xenética mais tamén nela interveñen outros factores tales como os bioquímicos, aos hábitos de vida saudable e as nosas claves culturais.

Súmase moi dignamente e con acerto esta proposta de Roberto Fernández a achegas anteriores que repararon na relación xeral entre ciencia médica e humanismo como demostran artigos de Rof Carballo, títulos como Paseata arredor da morte, de D. García-Sabell e Cando chegou a noite, de Antón Seoane ou o recendo de obras de Castelao, que tamén foi médico e que latexa por este ensaio. Parabéns por este brillante e esclarecedor traballo.