«Só navego na voz con que dis o meu nome» é un longo, poético e pouco común título para unha novela, mais adquire todo o seu sentido se revelamos que este era, na realidade e orixinariamente, un verso que se reitera a modo de retrouso nunha composición poética de Xaime Toxo denominada Pescadoira: topónimo que se corresponde a un barrio e a unha praia de Bueu, patria íntima e natal de Xaime Toxo e que, dalgún xeito, recoñece e homenaxea naquela composición e neste libro. Sen dúbida é unha novela de espazos que non sei se modifican pero, desde logo, contribúen a deseñar as personalidades dos personaxes. O libro articúlase a través de catro relatos longos, coma se fosen verdadeiras nouvelles, vertebrados a través dunha continua apelación á memoria, o que xera unha tonalidade confesional, entretecida naturalmente con doses de ficción. Un e outro factor resultan operativos para escaravellar en acontecementos históricos, xeracionais e culturais recentes como pode ser a atmosfera política e social dos anos setenta do pasado século e os derradeiros estertores do franquismo oficial. É esta unha proposta do que se dá en chamar novela de formación e de procura da propia identidade individual e, nalgúns casos, colectiva?
Pois elementos hai que nos convidan a entendela así tanto naqueles relatos que están arraigados en Compostela como en outros que se orientan ás vivencias experimentadas en Bueu que, por extensión, incorporan o universo marítimo tan presente aquí e noutra obra anterior do autor, nesta ocasión aludindo o que acontece coas marusías ou coa construción e evocación das tantas veces ignoradas reivindicacións laborais das persoas que traballan no mar. É, talvez, inimaxinable que o protagonista ou protagonistas destas historias, e que atravesan uns anos de inequívoca axitación política mais tamén un tempo convulso que afecta á esfera emocional, non deixe un pouso melancólico ou, se cadra e advírtoo como un mérito, o libro sexa quen de transmitir como se poden apalpar algunhas derrotas ou desencantos. Esta percepción, e quen sabe se outras aínda máis relevantes, atesoura este libro que nos axuda a entendernos e que está, por certo, escrito con esmero.