Arde o outono

Mercedes Corbillón

FUGAS

Otoño en un parque de A Coruña
Outono nun parque da Coruña ANGEL MANSO

Uns operarios colgaban as grilandas das fachadas mentres na terraza unha muller estranxeira en manga curta tomaba tortilla. Saqueille unha foto a esa incongruencia, unha de tantas que vemos cada día. O clima tamén se suma ás nosas contradicións empurrado polo capitalismo ao que lle rezamos cada noite. Catro esquinitas ten a miña cama e a lei da oferta e a demanda. No caixón da mesilla a produción infinita de desexos insatisfeitos e os ansiolíticos.

Pouco despois chegou o outono, pero non como sempre, con nubes pesadas e ventos que fan voar as follas vermellas dos bidueiros, senón con este frío azul que me é tan alleo. Case me parece hostil a limpeza do ceo mentres nos telexornais arden as torres dos concellos e o lume da civilización déixanos xeados, aínda que non máis que os brazos amputados dos adolescentes  que saíron á rúa crendo na democracia e no futuro e volveron a casa sen mans coas que enarborar a bandeira da esperanza. 

A min pásame un pouco o mesmo. Teño mans para tocar algunha pel, pero non teño soños e tampouco a ira para queimar os edificios que non significan nada senón podemos seguir construíndo un mundo mellor. Ese é o problema da nosa sociedade rica, que levamos en nós todos os soños do mundo, pero o sistema non permite o infinito, só a entrega de esmola a cambio de esforzo, sacrificio, traballo duro e todas esas palabras que prometen un altar baixiño pero seguro. Estivo moi ben para unha sociedade en desenvolvemento, pero non para os que xa naceron cunha abundancia que non era tal. De súpeto, todo lles parece decrecer, ir a menos, algo que o capitalismo só consente para os que o sosteñen.

A análise é complicado e métome en camisas de once varas cando o que quero é escribir algo bonito e que berren as árbores cansas de agardar o outono e enmudeza o meu corpo seco que garda o zume nun reservorio segredo que xa ninguén sabe atopar mentres leo poemas de amor escuro, que non nos salvan de nada, pero despístannos das ondas e a súa resaca que nos afastan das beiras. «Pero segue durmindo, vida miña / Oe o meu sangue roto nos violíns / Mira que nos axexan aínda!».