Antón Mazaira, matemático no INE e premio ao Mellor Creador no Carballo Interplay: «É un perigo ser galego como quen é do Madrid ou do Barcelona» 

FUGAS

Antón Mazaira.
Antón Mazaira.

Este divulgador en galego de 25 anos, que foi mellor expediente da súa provincia no 2019 e sacou a oposición para o Instituto Nacional de Estatística, non ten dúbida: «Se unha lingua quere estar viva, ten que servir para todo»

16 oct 2026 . Actualizado á 05:00 h.

Desde a Mariña ata calquera outro lugar do mundo fala de cousas serias e tamén accesorias, sempre en galego, Antón Mazaira, que naceu en Burela, ten 25 anos, estudou Matemáticas en Santiago e, tras facer un máster, sacou en tempo récord a oposición para o Instituto Nacional de Estatística. Quen foi o mellor expediente da súa provincia no 2019 compaxina o seu traballo no INE en Madrid coa súa faceta de tiktoker galego de variedades. Antón atrapa a curiosidade contando en redes, como Antontísimo, que topónimos galegos lles poñería aos fillos, en que lugar de Galicia estaría cada circuíto de Mario Kart, exemplos da «epidemia» das letras que se están a poñer nas rotondas dos concellos, as relacións secretas entre concellos ou en qué zona da Costa da Morte se fala con acento andaluz. O trivial non quita a importancia do alcance desta sorte de «política lingüística» singular entretida e casual.

­—Chegou a moita xente falando de cousas curiosas, anecdóticas. Superou a oposición popular. Foi un plan meditado?

—Non, non foi nada planificado. Eu non son unha persoa superextrovertida... Non son o rei da festa. Empecei non che sei dicir por que, un pouco porque na miña xeración se move todo en redes. Máis que sociais, parece que son redes de consumo. Somos máis espectadores que outra cousa.

­—Espectadores de nós. Saíu ás redes pare encher un baleiro?

—Canso de ser espectador, pensei: «E por que non fago eu isto?». Vídeos sobre cousas que botaba de menos nas redes. Xusto no momento no que empecei eu foi un momento de boom, aínda que é moito máis difícil atopar contidos en galego que noutras linguas, como inglés ou castelán.

—É neofalante?

—Non, son un mix! Miña nai falaba castelán e meu pai fala galego de sempre. Non son de todo consciente de que falaba eu de pequeno, pero creo que era o contrario do que adoita pasar hoxe. Eu falaba castelán na casa e foi cando entrei no cole cando empecei a falar galego. Claro, vivía en Burela, que é un lugar maioritariamente galegofalante. E como na casa tamén se falaba galego foi unha adaptación, unha elección non de todo consciente.

­—É a escola o futuro do galego?

—A escola marca moito.

—Superamos os galegos os nosos complexos, ese «autoodio» á nosa lingua que ten diagnosticado Antón Santamarina?

—É un tema. Non sei se está completamente superado. Desde logo, está máis superado nestas xeracións que nas anteriores. Eses tópicos fóronse diluíndo no tempo. Creo que hai tendencias que seguen estando aí... Hai xente da miña idade que fala galego na casa e en canto sae da casa fala unicamente castelán.

—Ocorre nas principais cidades galegas ou nas vilas pequenas?

—Non o sei. A barreira entre rural e urbano está diluída. Estamos todos mesturados, aínda que, evidentemente, é distinto vivir na Coruña que nunha aldea dunha parroquia calquera... Hai prexuízos que seguen aí, pero penso que na nosa xeración está case todo iso superado.

—Hoxe fálase en galego ata de cremas solares. Hai un relax no uso da lingua, un chisco de frivolidade que a salva?

—Como xeración temos os prexuízos en relación coa lingua máis superados e, en cambio, falámola menos. É unha dualidade estraña: como que nos sentimos máis orgullosos da lingua, pero está o perigo de ter a lingua como símbolo, de ser galego como quen é do Madrid ou do Barcelona. Estamos orgullosos, pero o galego debería servir máis que para reivindicarse a si mesmo. O galego ten que valer para falar de calquera cousa. Se queremos que unha lingua estea viva ten que servir para todo.

—É perder o medo de rebaixala ao cotián. Mesmo falala con gheada o con ese acento andaluz que vostede detecta nunha zona de Galicia, por exemplo...

—Por exemplo. Efectivamente, existe. Foi un reclamo para chamar a atención.

—Pero que zonas da Coruña son esas?

—O que atopei é pola zona da Costa da Morte, no oeste da provincia da Coruña. Pero eu non son lingüista. Diría que zonas de interior máis que de costa.

—Premio ao Mellor Creador no Carballo Interplay 2026. Como leva a familia a súa resonancia?

—Pode ser con esa ollada de «mira este onde chegou falando de cousas que a ninguén lle importan».

—Fala do que falamos a xente...

—Pero son cousas que non me esperaba que fosen despuntar tanto. Tamén creo que depende de como contes a historia. Gústame poñer o reto de coller algo aparentemente aburridísimo e darlle a volta. A maioría dos meus vídeos nacen de eu perdendo tempo buscando cousas na Wikipedia. É totalmente así.