A adscrición da santidade, dende o laicismo, a Castelao, explícita desde o título, é unha das ideas matriz do libro «Despois de san Castelao, unha biografía do mesías galego»
16 oct 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Son numerosas as reflexións que un libro destas características ofrece a quen se achegue a el. Postas nunha balanza teño para min que cómpre saudalo admirativamente pois, en primeiro lugar, reflicte por parte da autora unhas manifestas doses de valentía ao abordar a biografía dun dos mitos máis indiscutibles do noso pasado e facelo sen prexuízos, cun aquel de ironía e afastándose do ortodoxo. Unha biografía que se concibe non tanto para engadir datos novos á súa traxectoria como para facer dela un exercicio de interpretación da súa vida, dos camiños que elixiu e das contradicións que como ser humano amosou.
A adscrición da santidade, dende o laicismo, a Castelao, explícita desde o título, é unha das ideas matriz que terma dos contidos deste libro. A autora subliña como desde a data da súa morte os textos centrados en describir a súa relevancia axúdanse de metáforas e comparacións que, inspirándose no sacrificio que foi a súa vida durante os seus últimos anos, apuntan á construción dun proceso de canonización laica. De xeito casual lía estes días textos de Otero que encaixaban nesta visión ou, por exemplo, unha prosa anónima publicada na revista Airiños da emigración bonaerense en xullo de 1950 na que o define como o noso «Mathama», como un patriarca sagrado que é apóstolo e evanxelista á vez e que camiñou como un novo Cristo, alén de relatar «o perfume da súa fe». E así a centos de artigos.
Mais estas son páxinas que se estruturan ao abeiro dun xénero ensaístico como é o biográfico e que, nesta ocasión, non quere deixar fóra elementos que constrúen, alguén dirá que deconstrúen, o mito. Velaí, por só citar tres, os anos pontevedreses, coas súas complexidades afectivas e a morte do seu fillo Xesús, capítulo que exhibe algunhas das páxinas máis conmovedoras do libro; a extraordinaria dureza dos anos da guerra e do exilio ou a fe que Castelao depositou nas súas posibilidades como artista, desde as súas primeiras caricaturas ata os cadros pintados nos derradeiros anos en Buenos Aires.
Finalmente, cómpre saudar tanto este volume como Lázara de Xina Vega: os dous primeiros e requintados títulos de Molécula Editorial. Sexan, ambos, benvidos.