«Boundaries Road», de Cecilia F. Santomé: o espello da nosas soidades

Ramón Nicolás

FUGAS

A escritora Cecilia F. Santomé, gañadora do XLIV Premio de Novela Eduardo Blanco-Amor.
A escritora Cecilia F. Santomé, gañadora do XLIV Premio de Novela Eduardo Blanco-Amor. Té Valcárcel

Doris Lessing no seu día: «Non hai leis para a novela». A autora Cecilia F. Santomé revalida esta máxima indo un chisco máis alá en Boundaries Road

17 sep 2026 . Actualizado á 18:04 h.

Non revelo nada novo se afirmo que as novelas, desde hai ben anos, presentan as fronteiras xenéricas cada vez máis diluídas e difusas. Xa o afirmou Doris Lessing no seu día: «Non hai leis para a novela. Nunca as houbo, nin poderá habelas xamais». Cantas veces nos atopamos propostas narrativas nas que conviven, non sei se en harmonía pero si con efectividade, prosa con ensaio e con fragmentos de inspiración ou feitío claramente dramático.

Esta novela de Cecilia F. Santomé, que ademais foi galardoada co premio Blanco-Amor, demostra o que arriba se dixo pero indo, talvez, un chisco máis alá pois, alén de incluír unha novela final, incorpora dúas partes máis que gozan de certa independencia, sendo a primeira delas unha recreación ou reescrita da primeira novela que a autora publicou —Quérote, eu tampouco— tal e como ela mesma confesa.

É así, evidente, que esta Boundaries Road goza dunha indiscutible variedade ou, se se quer, heteroxeneidade tanto no que se refire aos puntos de vista empregados como aos argumentos recreados e aposta, sen dúbida, por unha maior complexidade formal que deseña unha recepción un tanto máis esixente. Cadaquén terá os seus favoritos: para min, non o dubido, é toda a parte inicial cun protagonismo marabilloso ás glicinias a esa segunda parte, tan transparente e realista, na que Cecilia procura e procura, ata quedar exhausta, a validación dun cadro dun célebre pintor nun exercicio no que alén do proceso de investigación é manifesto priorizar o factor memorialístico. Mais, con todo, esa é unha parte secundaria pois a proposta, que se abre con Cecilia, que precisa alugar un cuarto e conseguirá no número 62 da rúa que lle dá título ao libro onde Natalie e Tom a acollerán, se se pode dicir así, pero desde onde se constrúe unha rede que bebe nas profundidades da psicoloxía humana.

Mais no fondo da novela talvez destaque a recreación de motivos como son a soidade, as identidades e as posibles crises que desde ela se poden xerar, a comunicación —ou falta dela—, a emigración, as contradicións, a precariedade laboral e un certo aquel melancólico que abala dun lado a outro e que, por veces, é bo que así sexa.