O perfecto casado: de Castelao ao Ulises de Nolan

Mercedes Corbillón

FUGAS

Fotogramas da «Odisea» de Christopher Nolan e «Antes de nós», de Ángeles Huerta.
Fotogramas da «Odisea» de Christopher Nolan e «Antes de nós», de Ángeles Huerta.

Pretendía eu o outro día criticar o matrimonio e resulta que me saíu unha loanza, cousas do subsconsciente, supoño, ou da contradición que habita en nós. Utilizo plural maiestático porque contraditorios somos todos e non admitilo só nos leva a hipocrisía, que tamén é inevitable pero máis antipática que a doce incerteza de non saber se sobes ou baixas, se amas ou odias, se cres no matrimonio ou prefires baixalo do pedestal no que está instalado. Non o teño claro, pero amólame ou polo menos estráñame o discurso instalado tamén no feminismo que intenta converter en maridos perfectos aos homes que nos gustan por motivos alleos a súa vida privada. Por exemplo, Castelao. Tanto na película de Ánxeles Huerta como na biografía de Virxinia Pereira de Montse Fajardo, ambas obras interesantísimas que deglutín con pracer, hai unha mirada sobreprotectora sobre o home, que non deixa de ser un personaxe valioso, imprescindible, troncal e absolutamente admirábel sen necesidade de convertelo no perfecto casado. Como moitos homes do seu tempo, acudía a bordeis, tiña sonadas amantes e está por ver se se saíu ou non do congreso para non votar a lei de sufraxio feminino. Non teño claro este último punto, pero parece que ese matrimonio foi como a maioría do seu tempo. Desigual, inxusto e probablemente sen amor máis que o fraternal que senta tan ben, sobre todo cando é recibido despois de navegar arreo por outros diváns. Tanto Fajardo como Huerta, mulleres que admiro, resaltan a vida matrimonial pasando de puntillas polas épocas de desenfreo vital, supoño que co interese de rescatala a ela, a paciente esposa, colaboradora imprescindible da obra vital e política, pero non comparto esa visión que non deixa de facer o de sempre, esconder as vergoñas baixo a alfombra, mitificar á muller que espera ata que a o home se lle pasen as alegrías de ir e vir noutros corpos.

Ata Christopher Nolan deixouse levar por esa onda. O seu Ulises está totalmente concentrado na memoria da esposa e do fillo, da casa á que ha de regresar, desprovindo a Circe de ningunha sexualidade e convertindo a Calipso nunha muller sen carnalidade. O Odiseo do século XXI é o home que todas desexamos, o perfecto casado que construímos como sempre, tirando de ficción.