Sendo neno, non entendía que os xogadores de fútbol sempre estivesen pensando no próximo partido. Comentábanllo aos xornalistas. Acababan de marcar o gol da vitoria no derradeiro suspiro, provocando a éxtase dos seareiros, e resulta que xa tiñan a cabeza no seguinte encontro. A satisfacción do presente era un paso que cumpría saltar canto antes. Co tempo decateime de que esas declaracións, máis que subestimar as alegrías do momento, querían demostrar concentración en proxectos a longo prazo. Pero aínda hoxe, que xa non habito nos mundos da literalidade infantil, seguen sorprendéndome esas alusións á vindeira xornada tras un triunfo. Non só nos futbolistas. O virus de situarse no próximo partido, aínda ben non pitou o árbitro o final, alcánzanos agora a todos, e non tanto por amosarnos responsables ante a afección como por ser vítimas dunha sede de futuribles convertidos en negocio. Minutos despois do espectáculo do 12 de agosto, un triunfo no ceo, había unha morea de xente proxectando novos avistamentos. E tamén llo comentaban aos xornalistas, segundo comprobei pola televisión esa mesma noite: «Xa estamos pensando na seguinte eclipse», dicían. Seica en moitos hoteis do sur comezaron a colgar o cartel de completo para o 2 de agosto de 2027, día en que asistiremos de novo ao fenómeno, esta vez só en parte de Andalucía, Ceuta e Melilla. Confírmase así unha crecente ansiedade pola seguinte xornada que se explica pola síndrome FOMO: o medo a perder unha experiencia. A min cústame moito pensar na seguinte eclipse porque aínda me estou recuperando da marabilla que nos tocou presenciar hai uns días, e sospeito que o asunto ten visos de prolongarse. En consecuencia, tamén teño problemas para contemplar a idea de reservar hospedaxe con antelación para calquera acontecemento asombroso. Explícanme uns amigos que non son o único con eses problemas de lentitude, e quedo máis tranquilo. Empezaba a preocuparme. Non descarto que consiga dixerir a pasada ocultación solar ao longo do ano que vén, ou mesmo dos seguintes, e que as emocións derivadas do espectáculo poidan asaltarme a partir de agora en situacións inesperadas, sen vir ao conto, con furia intempestiva, trasladadas ata o presente a través de estrañas expedicións. Distintas estratexias para pedalear polo calendario: uns axiña se botan a proxectar o próximo partido, outros nos preparamos para remoer os anteriores.