É probable, talvez máis que probable, que tan só unha voz afeita á disciplina e ao imaxinario lírico onde salienta como un dos autores de gañado prestixio, sexa quen de afirmar que o tempo pasa «como move o vento do sur as patas dos cabalos de Arabia», e que isto apareza co naturalidade no medio e medio dun libro de relatos breves coma este que nos ocupa, coa lectura aínda pendente de Árbore arriba. Memoria das orixes (2026) no que o autor volve asomarse á memoria familiar como xa realizou hai algúns anos con dous volumes anteriores. Volve, así pois, Pepe Cáccamo, ao xénero no que xa se estreara con Microtopofanías (1992) e ao que seguiría A luz dos desnortados (1996) e no que se move, a meu entender, con especial habilidade.
Se ben o libro aparece segmentado en dúas partes —a primeira, con relatos máis breves, como arriba sinalei, agrupa prosas arredor do tempo, do seu transcorrer e o seu poder para transformar as cousas; a segunda, unifica os relatos ao presentaren unha filiación onírica—, tanto nunha coma noutra se advirte con facilidade a brillantez dunha prosa traballada, se se quere unha selección léxica que nace do pouso —coido que exemplar— no clima construído no relato «Ninguén de ningures» e tamén naquel titulado «Interrupción do xúbilo»: perturbadora historia (para min foina e moito) na que un profesor xubilado se ve obrigado a reintegrarse a un traballo docente que xa cría totalmente esquecido onde o peso da narración repousa, como ocorre noutros moitos relatos, na suma estratos marcados polo misterioso e desacougante, tan fronteirizo ás veces co delirante ou o absurdo.
Os relatos, así pois, destas Miniaturas están inzados nalgúns casos de ironía, e comprimen moita literatura e xogos creativos dentro, e nos que se materializa sempre unha atmosfera que posibilita interpretar de maneira non unívoca a súa conclusión, se é que hai porque o autor tampouco persegue peches tradicionais ou canónicos e de aí, se cadra, a súa modernidade nese transitar polo epifánico e simbólico cara ao marabilloso que, tamén si, pode instalarse no cotián.