Estíbaliz Espinosa, poeta e socióloga: «A eclipse é unha boa metáfora para os coidados e o efecto Matilda na arte e na ciencia»
FUGAS
Con ela cantamos o «Total Eclipse of the Heart» e iluminamos o efecto Matilda. A súa arte é pura curiosidade, unha estrela soa. Mais, como esta nai autónoma, «solteira e solta», recorda: «Somos fillos de estrelas soas».
14 ago 2026 . Actualizado a las 05:00 h.A intelixencia, «a intelixencia real, é a bondade», pensa Estibaliz Espinosa (A Coruña, 6 de xuño de 1974), unha «estrela soa» na constelación da literatura coruñesa, galega e mundial que abraza a ciencia tratando de paliar o efecto Matilda, o que eclipsa e invisibiliza o traballo das mulleres na ciencia.
Singular planeta é a escritora e socióloga non adscrita a xeracións, autora de Curiosas na Lúa. Os parladoiros de Estrelecidas. «Dende que sei empuñar un lapis, escribo», afirma a autora que aprendeu hai anos «a saber non estar no foco».
Filla da coruñesa praza do Libro, a poeta «estrelecida» comezou a ser facendo cómics, lendo a Mortadelo e Filemón e os Zipi Zape. «E Antoñita, Esther, Ende, Verne, os libros do Barco de vapor», entre outros tesouros con recendo a nostalxia. «As miñas coordenadas da infancia son a libraría Nós, o planetario e o monte de Santa Margarida, o polbo á feira que vendían no mesón do Bo e o faro da torre de Hércules... Faro ten as mesmas letras que orfa. Eu sempre fun unha nena orfa», di cunha seriedade que sorrí. Mona Lisa coruñesa que gañou o Premio Esquío con Pan (libro de ler e desler) en 1999. Dende entón sacha na creación que concilia arte e ciencia. Constelación Maruja que muta noutras (Galicia Futura, 2021), con ilustracións de Miguel Robledo e dispoñible en audiolibro, é unha das súas obras máis recentes.
—Como recorda a infancia?
—Feliz, felicérrima, pese a que a miña nai quedou viúva con 39 anos, eu era un bebé e o meu irmán tiña 10 anos. Iso nos oitenta era unha marca. Pero tiven a sorte de ter unha nai con simpatía e intelixencia naturais enormes, a pesar de que ela mesma tamén pasou depresións que camuflaba con humor, acedo e negro. O meu núcleo familiar era pequeno, pero era un núcleo radioactivado con moitas lecturas. E de radio sempre acesa! Eu escribía de sempre, porque lía. Lía moitísimo! Miña nai era moi lectora. Do meu pai coñezo menos... Hai unha materia escura aí.
—É a materia que sostén a familia, o relato familiar e social?
—Podemos facer a metáfora social: pasa cos maiores e os coidados, e pasa con todo aquilo que perdes e non sabes ata que punto te marca. É como un silencio musical; ten un sentido. Quen escribe… desde onde escribe?, pregúntome. Con que pais, cargos, coidados, con que rede de apoio, desde que lugar de privilexio?
—É tentador falar do eclipse ao fío do traballo por visibilizarse. Recupera a moitas eclipsadas nas súas traducións e ensaios. É un verso solto no sistema literario galego? É esencial esta fraxilidade?
—Eu teño esperanza sempre. Veño dunha familia humilde. Miña nai quedou soa. Meu pai morreu o ano que morreu Franco; era representante dunha empresa de cremalleiras vasca en Galicia. Naquela época a cremalleira era «lo más», cando o téxtil galego comezaba a florecer, a miña nai falábame das batas de Amancio Ortega.
—Interesante a observación nun texto en «Luzes»: preparádevos para estar escindidas, ser nai comeza cunha división.
—Eu sempre quixen ser nai. Gustoume ser filla e gústame ser nai. Aínda que agora non estea de moda ter fillos... Coa maternidade o cerebro cambia por completo, perdes focus, pero o cerebro cambia e non para peor. O que pasa é que, a nivel consumo, ao mundo interésanlle máis as parellas singles... Eu son nai dun fillo con parella e do amor de parella, e nai dun fillo da ciencia. Crieinos soa. Pero isto non quere dicir que defenda este modelo de familia disfuncional para todo o mundo. Defendo que se poida elixir.
—Ser nai autónoma, no mundo literario en Galicia, é hoxe algo viable?
—É difícil. Algo que non se ten en conta na literatura son os blogs. Cando comecei o meu, no 2005, reflexionaba sobre a idea de crear e a de criar, que están moi emparentadas. Fun ao blog un pouco para fuxir do sistema literario. Xa tiña publicado (Mecánica celeste, Pan...). Non son unha persoa conformista nin obediente co sistema, aférrome ao fair play. Encántame xogar, pero que o xogo sexa xusto. Para min, a dignidade literaria é resistir nesa eclipse do que se fai e non se ve, nesas marxes. Levo máis de 40 anos sachando na horta dun estilo literario. Primeiro en castelán, a miña lingua materna, e logo en galego, a lingua da bisavoa solteira que non coñecín. Son de estirpe de nais soas ou que ficaron soas como tantas e tantos, Artemisas de monte lácteo, estrelecidas en eclipse total. Pero das eclipses… sáese! Dende o 2001 mentres coidaba, criaba e creaba. Vivín coidados moi duros, cunha nai dependente grao 3 e dous cativos, vivín do que escribía ou creaba, como unha osa nai hibernando. Eu t ratei sempre de crear e criar, solteira, solta, en verso e vida. Pero tamén sinto que son unha muller privilexiada en moitos sentidos: vivo do que me gusta e sobrevivo ben. Só boto de menos xente que se me foi...
—Formada en arqueastronomía. Que é?
—Estuda como os monumentos antigos teñen en conta a paisaxe e a celaxe (palabra que me encanta, moi de Carmen Conde, poeta moi eclipsada), e sobre todo os movementos dos astros. O dolmen de Dombate está orientado ao solsticio de inverno, por exemplo.
—Triunfa, sobre todo, a literatura do poder, eclipsando outras máis singulares?
—Interésame o idilio mal disimulado entre a literatura e o poder: unha das razóns polas que tanto me deprimiu o sistema literario ao minuto un foi que lle vin as costuras: a dinámica estamental (os que venden e acumulan poder fronte os que non venden e son parias, así sexan Mary Oliver), o efecto Mateo («a este, que é moi mediático, que tal se lle damos máis visibilidade, quitándollela a quen non teñen ningunha?»), e o seu correlato en xénero, o efecto Matilda, a manipulación dos medios, criticar o mal reparto económico nos textos e ser logo os primeiros en contribuír a ese reparto desigual, os premios e a súa tendencia á elitización, a solidariedade ás veces só no papel…
—Todos son así, ao seu ver?
—Non! Atopei xente con principios e intelixencia. A intelixencia é para min unha forma de bondade. E confío nunha escrita galega que non dependa só da validación ou imitación doutros sistemas literarios. Somos avezados pioneiros en perspectiva, ideas, formas e fondos. Eu traballo nesa constelación. Un amigo contoume hai pouco que unha editorial vai publicar libros sen o nome do autor, que non se revelarán até dentro duns anos. Soño con algo así. Coido que ese soño tamén o tivo quen está detrás de Elena Ferrante e de tantos experimentos co anonimato literario. Son entusiasta. Adoro a xente que ama o literario, a curiosidade, a que aprende versos de memoria, a xente que se para a preguntarse por que.