Un areal inmenso, un mar bravo e un túmulo de cantos rodados con mensaxes pintados e calcetíns. O das prendas para os pés é claramente incívico, non deixa de ser lixo a mercé do vento nunha paisaxe natural ben fermosa, pero o simbólico acaba vencendo ao racional. Deixar un calcetín é facer unha homenaxe a un morto que non existe, pero, a quen lle importa o real? A praia está en Gales e a tumba pertence a Dobby, personaxe de Harry Potter. Na versión cinematográfica, ese foi o lugar escollido para a escena do enterro do elfo. Esta semana foi noticia polo movemento popular que impediu que un cable eléctrico destruirá ese lugar da memoria.
A memoria sempre garda algo de ficción e as grandes ficcións, as poderosas, acaban sendo tan reais como nós mesmos, feitos como estamos da materia dos soños, dicía Shakespeare. Baixo o balcón de Verona din os guías turísticos que Xulieta asomaba no século XVI. Baixo a miña ventá, os guías explican o misterio da cidade que se entende moi ben desde as cubertas da Catedral. Santiago existe porque alguén tivo unha idea e foi quen de contar un relato marabilloso. Non é unha cidade con igrexa. É unha igrexa con cidade que agromou arredor, ao ritmo que crecía o mito e que chegaban os viaxeiros con necesidades que atender. Tratábase de que viñesen de calquera parte do mundo a visitar as reliquias do santo. Os osos chegaron aquí, ao campo de estrelas, despois das máis variopintas vicisitudes, como nas grandes historias de aventuras, que a fe nunca estivo rifada coa acción. Quizais o turismo de masas o inventaron os composteláns vai para dez séculos, moito antes do Xacobeo 93. Agora, cando algún peregrino iluminado báñase na fonte de Sequelo ou encarámase a fachada barroca de Fonseca escandalizámonos, con razón. Hai algo vulgar nesas masas berronas que atestan as rúas e sentan a comer fabada de lata sobre as pedras centenarias, pero tras desa cortiña de fealdade está a maxia do relato. Un acto vandálico non invalida a esencia da cidade única no mundo, un lugar de destino, creado para recibir ao outro, que se nutre, tamén economicamente, da súa natureza de fin de camiño. Hai algo máis fermoso que conseguir ser destino?