Suspense con arquitectura teatral

Ramón Nicolás

FUGAS

-

Haberá uns catro anos que José Mondelo, narrador heterodoxo e de imposible clasificación, apareceu amentado nestas páxinas ao fío da publicación da súa novela Soamente unha vez (2022), que perseguía, e conseguiu talvez, subverter as normas do xénero policial. Voz de longa traxectoria, que ofreceu narrativa para un público adulto, xuvenil ou textos dramáticos, publica arestora O soño das andoriñas: proposta máis ca interesante e que lamento que non atopase un oco no catálogo das editoriais comerciais galegas. Mondelo, abeirado a unha narrativa directa, transparente e ao tempo absolutamente trepidante, introdúcenos nunha especie de road movie na que, ademais, aparecen actores e actrices cobizosos donos dun código ético particular, un empresario enriquecido e abusador, varios roubos, fuxidas interminables e mesmo un rapaz enigmático que nunca se sabe o que irá facer. Elementos todos eles de xinea cinematográfica que crean unha novela sostida ou tecida con habelencia, onde se sabe manter o suspense cunha trama que se sitúa próxima ao canon do xénero, mais que, dalgún xeito, renova grazas, ao meu ver, ao manexo de tres elementos fundamentais como son o forte peso da protagonista da novela e a súa fondura psicolóxica, a aparición unha voz narrativa omnisciente, coma se fose un personaxe máis que chega a interpelar aos outros protagonistas e que se encaixa na novela coma se se tratase dunha anotación teatral e, finalmente, a estrutura da novela que a achega máis ás estratexias propias dun texto de filiación teatral. Ademais, Mondelo non pecha sempre fíos argumentais que se deixan abertos á mantenta para que poidan ser reconstruídos pola persoa que se achega á novela. Isto, mais esa articulación teatral que magmatiza a narrativa, alén da tonalidade aguda, incisiva e por veces mesmo satírica, perceptible sobre todo nos diálogos da novela, son elementos que saliento nunha lectura panorámica desta achega na que, ademais, a actriz protagonista, Olivia, parece non experimentar unha trama de ficción, senón o que realmente é a propia vida.