Agardar que xullo acabe

Mercedes Corbillón

FUGAS

Plantación de de cerezas.
Plantación de de cerezas.

Noutro tempo non había cereixas nese patio, só un pilón antigo e o camiño da fonte, que non ten caño, apenas un burato na terra e un regueiro debuxado no chan coas mans dalgún antepasado ou dos criados. A diferenza entre un e outro era que uns tiñan un teito e unhas leiras onde plantar algún cereal, algún tubérculo, algunha verdura de inverno desas que só necesitan a xeada e alguén que os recorte a tempo. Os outros, os que atravesaban a Pena Maseira e só traían o día e a noite, tiñan un corpo que ofrecer a cambio de catre e comida e un día de descanso para ir a misa ou recoller herbas de namorar de camiño á festa. Mamá, que regresa en verán, como as andoriñas, abre as contras, que xa non son de madeira e saúda as abellas que liban nas flores, unha por unha, con reverencia.

Cada vida alí, nese espazo de seu, importa. Un ecosistema funciona se todos os integrantes son felices. Polo que cantan, croan, zoan, zumban, rosman, pían, un diría que a bichería si é feliz. Os carrizos aniñan en cada unha das tellas das cornixas. Cando durmo a sesta teño a sensación literal de ter a cabeza chea de paxaros.

A natureza, aínda domesticada, é calquera cousa menos silencio, acaso un ruxerruxe de corazón diminutos que empurran o latir o mundo. As bolboretas fan acrobacias de cores recordando a beleza efémera da existencia. As ras, raíñas do lugar, só calan cando unha serpe famélica as asexa. O fermoso é cruel e a nostalxia faise enorme como os niños das cegoñas. De camiño á feira da Mezquita, a nai conduce e sinala coa man. Cando era pequena non chegaban ata alí as aves errantes e monógamas. Escollen parella e xa. Sempre é un infinito. Nun pobo alemán, pode que francés, ou italiano, cóntame mamá, unha cegoña quedou ferida e non puido facer a viaxe de regreso as terras do sur. Un veciño encargouse de alimentala, con dificultade, temendo pola súa vida. A fame, o frío, a tristeza. Na primavera, a migrante regresou a buscar a compañeira. Antes de que diga nada, ínstame a mirar os campos de centeo, os ceos limpos, os castiñeiros en flor. «Castiñeiro con i de imposible/que guinda contra min/os raios da medusa da túa flor/non teño defensa/ só queda agardar que xullo acabe/», que diría Marilar.