Dúas horas aquí

FUGAS

Sucedeu un deses días en que non estamos aquí. Eses días que se presentan co óxido da monotonía, eses días en que non se agarda nada, eses días que nacen desfalecidos, eses días que apenas chegan a ser unha progresión de horas precipitadas cara á noite coa viscosidade dun réptil. Sucedeu que recibín unha mensaxe do meu amigo M. coa foto dunha rúa próxima a onde vivo. Engadía que estaba en Santiago por asuntos de traballo, e que dispuña de dúas horas antes de coller un tren de volta á cidade onde vive dende hai vinte anos. Aceptei o agasallo dos seus cento vinte minutos coma se fose cuestión de vida ou morte. Asaltamos o primeiro bar que atopamos, sen pensalo moito, e durante a comida tiven a impresión de que se dilataba o tempo mentres nos informabamos a queimarroupa das nosas últimas novidades. Unha treboada perfecta: había ansiedade por saber, urxencia por preguntar, interese por dicir. Supoño que todos temos un M. aloxado na axenda do teléfono. Ou deberiamos. Alguén que nos envía unha mensaxe e chega dende plenitudes pretéritas, dende reinos que desapareceron dos mapas, dende unha memoria cada vez máis borrosa. Alguén que chega con dúas horas xustas. Alguén que non está, pero que sempre está. Alguén que estivo moito porque daquela a vida obrigaba a estar sen límite, alguén que estivo contigo en todo e atravesou ao teu lado un desvarío, unha cúspide, un mal soño, unha desolación, as mil caras da realidade. Alguén que soubo estar. Alguén que un día debeu marchar de aquí, levado polas circunstancias, pero que nunca acabou de irse porque algo decisivo de cada persoa, vivido entre a exaltación e as torpezas xuvenís, queda sempre flotando no aire dunha rúa, na brisa nun parque, na estrañeza deses bares que morren asasinados polas lavandarías. M. trae todo iso cando aparece. Trae todo iso que saca a relucir en dúas horas. Trae a confianza que permanece intacta a pesar da distancia, a pesar dos cadáveres que vai deixando o tempo. Trae todo iso e logo vaise porque o seu método para estar aquí, para permanecer de verdade aquí, consiste en afastarse de aquí para volver por sorpresa aquí e regalarme dúas horas nas que, nunca sei como explicalo, caben todos os anos que estivo aquí. Sucedeu un deses días sen combustible, un deses días que nos exilian de todo. Sucedeu por sorpresa. Sucedeu que M. chegou aquí e en dúas horas, tremenda sorpresa, regresei eu tamén aquí.