Marquinhos, Gabriel e as peles abrasadas

FUGAS

Gabriel, do Arsenal, consolado por Marquinhos, do Paris Saint-Germain, tras fallar un penalti.
Gabriel, do Arsenal, consolado por Marquinhos, do Paris Saint-Germain, tras fallar un penalti. DPA vía Europa Press | EUROPAPRESS

A pelexa máis difícil está en descubrir o importante. En saber distinguilo no momento exacto, coma linces á espreita. Por norma somos guiados cara ao accesorio, a través de rutas equivocadas, lonxe do esencial, presos de estraños somnambulismos. O proceso adoita repetirse. Alcanzamos un obxectivo desexado dende tempo atrás e axiña experimentamos a euforia da conquista: o delirio da consecución, a éxtase do cóndor. Pero coa experiencia sabemos que a tanta elevación lle seguirá de novo unha desconformidade secreta, unha insistente impresión de que o fundamental sempre está noutro lado. A cámara subterránea da condición humana tende á insatisfacción. Enténdese así a natureza balsámica da literatura, cuxas facultades operan no centro desa ferida que traemos de fábrica. Rematou a última final da Champions League e Marquinhos, capitán do Paris Saint-Germain, entendeu que o urxente era ofrecerlle consolo a Gabriel, xogador do Arsenal que fallara o penalti decisivo e vagaba coma un zombi tráxico polo campo. Veriamolo despois, a Marquinhos, celebrar o triunfo cos compañeiros, recrearse na vitoria, saltar cos afeccionados, erguer o trofeo, deixarse levar polas emocións. Pero tras o pitido final do árbitro, pensou que debía utilizar os brazos para paliar a incredulidade dun colega partido pola metade, coa pel en chamas. No medio da algarabía do seu equipo, soubo ler o extremo da situación: o importante, coa Champions League metida no peto, co estadio aclamando a segunda conquista do club, era activar o mecanismo dunha aperta analséxica. Acudir ao encontro co corpo sanguento do derrotado. Explicoulle Marquinhos aos xornalistas que a desolación de Gabriel lle lembrara a súa propia logo de errar a pena máxima que deixara a Brasil fóra do Mundial, no 2022. Catro anos despois, puidemos ver como puxo a funcionar o seu tremendo ollo clínico, esta vez sobre o céspede de Budapest. Finalizou o encontro e aos poucos segundos xa estaba detectando o importante: aquilo que, sendo localizado no instante preciso, entre os falsos brillos da superficie, atenúa con carácter transitorio o proído existencial que nos define como especie. Un trofeo, unha ovación, un palmarés. Pouca cousa. Nada diso merecía atención. Nada diso tiña que ver coa tectónica real da vida, que se remexía noutro lado. O único importante, coma calquera día ao anoitecer, era acudir en auxilio da última pel abrasada.