Da man do profesor Alonso Montero quedou un corpus epistolar cun total de 32 cartas inéditas que Curros Enríquez enviou ao seu amigo José Ojea
05 jun 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Lembrei estes días que o profesor Alonso Montero contáranos nunha clase que Dante morrera no seu despacho tras uns pergamiños, traballando até o último alento de vida. Probablemente non foi así, pero con aquel relato estou certo que quería impulsar o tépedo entusiasmo que mesmo nas aulas de Filoloxía había pola carreira que cursabamos. Veume ao recordo, dicía, este detalle porque o libro que agora me ocupa constitúe unhas das derradeiras probas do traballo incansable que Alonso Montero desenvolveu nos seus últimos tempos. O profesor leu os orixinais destas cartas case con devoción, estudounas e prologounas coa mesma paixón que depositara, precisamente, nun dos seus primeiros traballos intelectuais que versaba sobre a figura de Manuel Curros Enríquez, a quen asediou criticamente e a quen divulgou en incontables proxectos. Tiña que ser el quen preparase a edición dunhas cartas que, de vivirmos nun país que soubera valorar as cousas importantes, esgotaría a edición deste libro porque quen dubida en cualificar como acontecemento a publicación deste corpus epistolar —cun total de trinta e dúas cartas inéditas— que Curros enviou ao seu amigo José Ojea Otero, entre xuño de 1904 e xaneiro de 1908. Corpus rescatado grazas a Delfina García Paadín, parente de Ojea: un dos seus confidentes, boticario de Cortegada, político, escritor, autor do prólogo de Aires da miña terra e un dos membros fundadores da RAG. As cartas revelan, desde as instancias dunha sólida relación de amizade inspirada, ademais, nas causas progresistas e republicanas compartidas, ese perfil singular e por veces ríspeto de Curros, co aguillón crítico presente en tantas ocasións e que dirixe ás veces a diversos membros da súa propia familia. Non é menor o interese que teñen algunhas páxinas nas que se desvelan as consideracións que lle suscitaban outras figuras senlleiras do seu tempo como foron Rosalía, Pondal, Chané ou Emilia Pardo Bazán entre outras.
Velaquí unha oportunidade que se nos brinda para descubrir algúns ángulos biográficos escasamente coñecidos dunha figura sen a que sería imposible explicar o noso Rexurdimento nin boa parte da literatura galega que veu despois, nos séculos XX e XXI.