Cinco publicacións recentes permiten volver á figura do autor trasalbés 50 anos despois do seu falecemento
29 may 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Transitamos polo ano oteriano, no que cómpre pór o foco na relevancia que para Galicia supuxo, e supón, contar cunha voz da súa altura intelectual. Neste ronsel velaquí un repaso breve da actualidade editorial que suscita a través de cinco recentes publicacións que homenaxean o polígrafo trasalbés cincuenta anos despois do seu falecemento.
O Otero neno
Historia dun neno, orixinalmente A historia de un neno, é un libro de páxinas autobiográficas que o Patronato Otero Pedrayo editou no ano 1979 ilustrado por Mima e que agora a Editorial Galaxia reedita con ilustracións, ben atractivas e suxestivas por certo, a cargo de Mara Méndez García. O libro exhibe a memoria portentosa do autor ao evocar espazos, atmosferas, persoas e vivencias que lembraba ata os seus dez primeiros anos, isto é, ata 1898 cando ingresa no instituto de Ourense, centro docente que hoxe loce o seu nome. Esgotada a edición orixinal hai tempo, este é un libro que agradezo que volva estar a dispor de docentes e persoas interesadas. Particularmente, traballei co meu alumnado con este título e deitou resultados excelentes tanto no que se refire á investigación de aspectos históricos e literarios que encerra como ao posible rescate de vivencias que se sitúan na infancia dos discentes.
Otero en «Grial»
Habíanlle gustar a don Ramón estas páxinas iniciais da revista Grial, que foi tan relevante na súa vida e na que tanto escribiu e que no número 52, tras a súa morte, foi dedicado na súa práctica totalidade. Nesta ocasión, no número 249, o primeiro baixo a nova dirección da profesora e académica María López Sández, agrupa diversos textos coordinados por Patricia Arias Chachero —unha das voces máis autorizadas e que máis saben sobre Otero—, Manuel Gago, Xosé Luís Pastoriza e Manuel F. Vieites, entre outros que se achegan novos ángulos interpretativos sobre a Guía de Galicia oteriana, que cumpre agora cen anos; algunhas mostras do seu epistolario, a relación que mantivo na posguerra cos exiliados ou a exhumación e anotación dunha peza teatral inédita do autor titulada Eiras Vedras (farsada dramática para leer).
Otero e Castelao
No ano 1986 celebrábase o centenario do nacemento de Castelao e Ediciós do Catro decidiu publicar, baixo o título de A miña amizade con Castelao, unha conferencia que Otero ditara en 1971 no Museo Carlos Maside. Agora, co título homónimo ao que se lle engade «e outros escritos», a profesora Patricia Arias Chachero ofrece un libro que recolle a devandita conferencia mais un amplo corpus textual —no que se inclúen inéditos, artigos e cartas— que revela a extraordinaria admiración e lealdade que Otero sentía por Castelao ao ofrecer, con rigor e respecto, un monllo de páxinas ensaísticas que reconstrúen a memoria intelectual do rianxeiro e deseñan un percorrido de filiación sentimental que apunta á reconstrución do territorio que serviron e amaron e que, dalgún xeito, contribuíron a crear modernamente. A voz de Otero manifestase aquí con solemnidade ás veces, mais tamén desde as instancias do afecto que analiza o Castelao artista, abordando a estética do sufrimento, o pensamento galeguista e, cando cómpre, engade unha modulación máis persoal onde salienta o sentimento, permanente, de orfandade desde a desaparición física de Castelao.
«Del Orense antiguo»
A finais do ano pasado apareceu o primeiro volume dun proxecto que persegue recoller as prosas oterianas dispersas nun xornal ourensán. A edición —que testemuña como aínda hai moito que facer para a recuperación completa do legado oteriano— contén un prólogo de Xosé E. López Pereira, presidente da Fundación Otero Pedrayo, e unha introdución da editora e compiladora, Maribel Outeiriño, que preceden a recuperación destas prosas, case todas centradas en temas locais ou da memoria do autor e publicadas a finais da década dos anos cincuenta do século pasado.
O Otero de Paco López-Barxas
Con caricaturas de Siro López e publicado por Teófilo Edicións, neste Ramón Otero Pedrayo. Arredor de si, 50 anos despois Paco López-Barxas deixa que sexa o propio Otero quen, en primeira persoa, relata os seus principais acontecementos biográficos, como xa realizou en anteriores propostas centradas na figura de Castelao. Velaquí como, cunha tonalidade narrativa directa e áxil, propón un achegamento vizoso xa non aos solcalcos persoais do trasalbés senón que ofrece textos do autor ourensán —conferencias, prosas e relatos e cartas—, semblanzas doutras voces que escribiron sobre el e unha crestomatía poética constituída por destacadas voces que o homenaxearon nalgunha ocasión.