Sólido e singular traballo

Ramón Nicolás

FUGAS

María Cedrón
María Cedrón Marcos Míguez

A xornalista María Cedrón tratou e coñeceu a Begoña Caamaño —teño para min que a proximidade cronolóxica á figura que protagoniza o Día das Letras resulta un acerto en moitas dimensións— e se cadra esa é unha das razóns que explican as causas de que unha proposta a medio camiño entre a biografía e unha narrativa que serpea polos ámbitos da ficción deite uns resultados tan espléndidos.

Begoña Caamaño, a tecedora da nova mitoloxía, así pois, entra a formar parte con pleno dereito nesta nómina de traballos que demandaban tanto a obra literaria como a biografía de Begoña Caamaño. Por extensión, esta coma outras pezas traen canda elas unha dimensión de permanencia e descóbrense como pezas orixinais e modélicas pois reconstrúen unha época e inspíranse desde os territorios dos afectos sen converterse por iso en haxiografías.

Cedrón, con inequívoca habilidade, demanda un pacto de complicidade que resulta efectivo e, ao tempo, operativo para desentrañar ou revelar aqueles socalcos vitais e literarios máis relevantes. É así como recorre a unha carta de Suso Coba, copropietario do restaurante O Dezaseis da rúa compostelá de San Pedro onde Begoña, e outras persoas, pasaron moitos momentos.

Esta carta, emotiva e conmovedora, viaxa até non se sabe moi ben e Begoña Caamaño será que a vaia responder, alén de engadirse unha coralidade de voces que, a xeito de teselas, van construíndo un mosaico que configura a traxectoria vital, o perfil profesional, as causas que abrazou, a lucidez do seu pensamento feminista, a loita contra os estereotipos de xénero e outros aspectos que exploran, con efectividade, a súa faceta creativa, o xornalismo que practicou e as claves da súa ficción literaria, concedéndolle especial atención ao territorio mitolóxico no que se internou con tanta fortuna e orixinalidade. O libro posibilita, e non é menor esta funcionalidade tendo en conta que nel conflúen memoria persoal, investigación e xogo epistolar, viaxarmos ao Vigo da súa infancia, pasarmos polo seu activismo e polo alto grao decompromiso con diversas causas para finalizarmos nese espazo dun Tucumán ficticio onde segue a manifestarse, por sorte, neste noso presente.