Aultradereita insiste en identificar inmigración con delincuencia, envelenando o debate público coas súas mentiras habituais. Pero non parece necesario ser un marxista recalcitrante para entender que a natureza de gran parte dos delitos debe explicarse a partir das desigualdades económicas. Abonda con observar o mundo con ollos humanistas. Un Marx retranqueiro defendía nun curioso apéndice de Teorías sobre a plusvalía —utilizado por Ricardo Piglia para introducir Los casos del comisario Croce— que a acción dos delincuentes impulsa o desenvolvemento da produtividade, rompendo de paso coa monotonía da vida burguesa: «Sen ladróns, os cerralleiros nunca poderían alcanzar a súa actual perfección, e a fabricación de billetes de banco tampouco chegaría ao seu actual refinamento de non ser polos falsificadores de moeda». Vendo como nestes últimos anos se disparou a venda de alarmas nas casas, propiciando un gran crecemento dos beneficios no sector, custa non compartir o ton irónico do aserto marxiano. Diriamos así que, grazas á actividade frenética dos que asaltan domicilios, mellora a economía porque co seu cometido medran os rendementos no ramo da seguridade. Ocorre que esas substanciosas ganancias teñen que ver máis coa difusión de medos interesados que cun verdadeiro aumento dos índices de delincuencia. E tamén coa xeneralización nalgúns matinais televisivos dun termo terrible, inquiokupación, cargado de toneladas de clasismo e aporofobia. Por suposto que sería unha irresponsabilidade pensar que todos os delitos se explican só polas inxustizas económicas. Ensinounos Edgard Allan Poe en O demo da perversidade que na condición humana hai abismo, vertixe, escuridade aterrecedora. Vontade de infracción. E que neses fondos aniñan instintos que conducen á execución do crime, vulneración da convivencia tan antiga como a historia. Matamos, violamos, roubamos dende os albores da civilización. Sen parar. Pero na carreira por darlle a razón a Poe semellan levar vantaxe uns individuos sobre outros. Estes non chegan en caiuco nin corren descalzos. Tampouco fan travesías embarazadas, buscando un lugar onde poder alimentar os fillos. Son os señores da guerra, encantados nos seus despachos de ir gañando por goleada o partido da gran perversidade. Xusto aos que apoian aqueles que hoxe pretenden convencernos de que os inmigrantes pobres son a encarnación do mal.