Pruden Tattoo, do entroido de Verín a triunfar en Bruxelas

Alejandro García Chouciño
a. g. chouciño OURENSE

FUGAS

Anxo Varela e Lúa Carballo, co cartel do entroido de Verín en primeiro plano, no seu estudo Choro Club.
Anxo Varela e Lúa Carballo, co cartel do entroido de Verín en primeiro plano, non seu estudo Choro Club. MIGUEL VILLAR

A identidade visual da singular parella creativa que enche fóra da casa plasmou carteis este ano como os do entroido de Verín e do Festival Emigrasón, que vén de celebrarse en Bruxelas 

13 mar 2026 . Actualizado á 05:00 h.

É moi probable que te atopases con algún deseño seu. Xa fose na rúa, nunha camisola, nunha librería de Madrid, ou na pantalla do teu teléfono mentres facías scroll nunha rede social. Levan tempo amosando o seu potencial, pero para Anxo Varela e Lúa Carballo este ano non arrancou no silencio do seu estudio de Ourense, senón co ruxido dun avión camiño de Bruxelas e o balbordo dun cigarrón en Verín. Para este dúo creativo e parella sentimental, que opera baixo o paraugas de Pruden Tattoo, os últimos meses foron unha proba de que a súa linguaxe visual xa non ten fronteiras. A súa presenza como a imaxe gráfica da última edición do Festival Emigrasón supón un novo salto que os confirma como creadores de arte cunha identidade propia e moi recoñecible.

«É a primeira vez que nos sentimos unhas superestrelas», confesa Lúa entre risas, aínda que deseguido puntualiza que a súa viaxe á capital belga non foi para cravar a agulla na pel, senón para gozar das bandas e ver como o seu traballo ocupaba cada recuncho do evento. «Fomos como convidados, e o Anxo agradece que non existise a posibilidade de tatuar para poder divertirse todo o posible», engade. Esa humildade é a pedra angular da súa filosofía. Malia o éxito, foxen das etiquetas de prestixio. «Somos dúas persoas bastante sinxelas a nivel de expectativas; non necesitamos que nos gaben ou que nos traten diferente. Queremos ter unha vida tranquila e poder vivir disto; facemos o noso traballo, que quede ben e xa está», aseguran.

O proxecto, que hoxe respira desde o Choro Club —o seu espazo en Ourense—, é o froito de 12 anos de vida e traballo en común. Historiadores da arte de formación, Anxo e Lúa teñen sabido trasladar a súa sinerxia persoal a unha marca que hoxe é recoñecible a primeira ollada. «É un pouco complexo de entender porque somos moitas cousas unificadas dentro do proxecto. Pruden Tattoo empezou coa tatuaxe e despois foi crecendo coa creación de láminas e a tenda online», explica Lúa sobre esa evolución que tivo o seu punto de inflexión no ano 2020. Foi nese intre, no medio da incerteza global, cando decidiron apostar por unha profesionalización absoluta: «Os anos anteriores foron bastante de proba e erro sen ser capaces de despegar, pero desde a pandemia iniciamos unha traxectoria que empezou fóra e que agora nos permite ter visibilidade tamén dentro do país».

Fuxindo do barroco

Esa maior visibilidade e recoñecemento chegou tamén co cartel do entroido de Verín. Ser os autores da imaxe dunha das festas máis icónicas de Galicia foi para eles un triunfo emocional. «Non quita que te sintas moi orgulloso cando ves os proxectos a pé de rúa», din. O seu estilo, que Anxo define como unha procura da «simplicidade» herdeira do mundo do tatuaxe, fuxindo do barroquismo para centrarse en composicións corais, dinámicas e divertidas, converteuse nun imán para un público que busca algo auténtico. «As mensaxes acompañan e converten unha ilustración puramente decorativa en algo máis co que a xente conecta. É beneficioso para nós ser diferentes; ser distintos faiche máis identificable», reflexiona Anxo.

Esa autenticidade levounos a conquistar espazos inesperados. Unha das súas láminas, co lema «Todo o que imaxinamos é real», loce hoxe nunha das paredes da librería Lasai en Madrid, un espazo que se fixo viral de mans dos influencers Ariane Hoyos e Beñat Azurmendi. Lúa, a cabeza pensante detrás da creación de contido e a estratexia dixital, escribiulle sen pretensións: «Sorprendeume que me contestase, e tamén que a lámina estea en galego nunha librería en Madrid». Para eles, o uso do galego non é unha cuestión de nicho, senón unha declaración estética: «O galego é moi estético visualmente. É un idioma moi especial e hai que poñelo en valor. En España vendemos un montón porque son frases que a xente entende e coas que se identifica», sostén Lúa.

A pesar de aparecer de fondo en entrevistas de pódcasts de éxito ou de ver a influencers vestindo as súas prendas, Anxo e Lúa manteñen a mirada posta no artesanal. Para eles, o «boca a boca» segue sendo a rede social máis poderosa. Este 2026, tras anos de viaxes itinerantes polo centro de Europa, Pruden Tattoo encara unha etapa de madurez onde os grandes formatos e as identidades gráficas son o novo reto. Tras a súa parada por Bruxelas, puxeron rumbo para seguir traballando en Alemaña, onde teñen a marca asentada.