Os paxaros anuncian a primavera desde o tellado da igrexa. Da ledicia o canto, tamén esperanza, pero ao botar a man fóra do edredón cae sobre min o inverno todo, que este ano é inacabable e incomprensible como unha lexislatura de Trump. Alargo o brazo nese xesto clásico de buscar unha prenda de abrigo que será un xersei, as miñas batas son de seda ou viscosa, farrapos frívolos e liviáns que serven para camiñar pola casa como unha pantasma máis non para combater as xeadas. Xeada quedei cando vin que o depósito de gasóleo estaba baleiro. Que longos son os invernos e que curtas as reservas. Chamei a empresa que o serve a domicilio e déronme cita para ao cabo de catro días. Pregunteille o porqué desa demora cando sempre atenden dun día para outro. A muller contestoume que iso era en tempos normais. Pareceume que deixaba uns puntos suspensivos colgando da frase. Teméndome o peor, inquirín sobre o prezo e díxome, nun suspiro, 1,70 o litro. O meu grito quedou pendurando, ela non ten a culpa desa suba dun setenta por cento. Hai uns meses, compreino a menos dun euro. Alguén está facendo negocio e non é a empregada. Aínda non compraron ao novo prezo e xa o andan a aplicar, non vaia ser. Todo é preventivo, as guerras, os negocios e os lercháns.
Teño a cabeza chea de malas ideas, como Merceditas, personaxe inesquecible da última novela de María Solar, unha vella en pé de guerra cos condutores de bus en particular, aos que considera matavellas, e co mundo en xeral, que dá ben de motivos para detestar. Merceditas ten un fillo ausente, amigos e un plan. Para saber cal é hai que ler a novela. Comeza con Elías, un home en crise de parella e de traballo. O equipo de rodaxe ponse en folga pola falta de váteres químicos que non encontra en toda a illa onde andan a gravar a serie da que é produtor. No peor momento morre o seu pai, a vida ten o seu propio sentido da oportunidade. Cando regresa, tarde, ao Ferrol natal, encóntrase co fin do matrimonio e coa vida secreta do seu pai, que deixou unha banda descoñecida e un artefacto explosivo no faiado. A historia vai ben de cargas de profundidade e de humor. Precisamos de todo iso para abrigarnos nestes tempos intempestivos.