Eu son de aquí e acolá destaca unha suxestiva e contida voz narrativa que apela á propia Matilde G. Lloria e que revela a dinámica das investigacións que se levan a cabo tanto no que se refire á súa alofonía como á realidade migrante que representa
13 mar 2026 . Actualizado a las 12:55 h.A casualidade fixo que hai escasas datas atopara os textos galardoados nos Xogos Florais de Ourense en 1963 e que corresponderan a Celso Emilio Ferreiro, Manuel Lueiro Rey e Matilde G. Lloria, esta última cun poema á rúa do Olvido ourensá. En 1993, Xosé M. Salgado e Xesús Alonso Montero convidaron a Matilde G. Lloria a participar no «I Congreso de poetas alófonos de lingua galega», ao que asistiu e que, dalgún xeito, asentou o seu perfil de poeta galega alófona que adoptara literariamente o apelido do seu marido, o doutor Federico Lloria, represaliado en 1939 e que exerceu durante algúns anos na Merca e en Ourense.
Malia todo, e pasado o tempo, non se produciron moitos avances sobre a súa obra literaria ou sobre a súa biografía. Tamara Andrés ofrece aquí un libro felizmente híbrido que pon os ollos na autora valenciana e que non é unha biografía nin un rescate da súa obra poética —lémbrese que publicou tres libros en lingua galega—, pero que ilumina algúns ángulos do seu percurso biográfico desde as instancias dunha indubidable orixinalidade estrutural que permite cuestionar, ao mesmo tempo, diversos aspectos como son a memoria, o pasado, a identidade múltiple, a resistencia cultural e, por extensión, as razóns do esquecemento ou da invisibilidade de figuras que quedan á marxe do canon oficial.
Eu son de aquí e acolá destaca, así pois, unha suxestiva e contida voz narrativa que apela á propia Matilde G. Lloria e que revela a dinámica das investigacións que se levan a cabo tanto no que se refire á súa alofonía como á realidade migrante que representa. O libro revístese dunha efectiva fasquía teatral na que aparecen diversas voces, alén da propia Lloria, como son a escritora ourensá Pura Vázquez —prologuista do seu último libro — e igualmente, en calidade de personaxes literarias, Otero Pedrayo —que lle agasallara no seu día cun volume de Follas novas ao tempo que lle aseguraba que habería un bo entendemento entre Rosalía e ela—, Carmen Conde, Vicente Risco, Xesús Alonso Montero, M.ª de Gracia Ifach, Eduardo Blanco- Amor e un falanxista anónimo.
Un libro, ao meu ver, singular, moi recomendable.