Un coitelo entre os dentes

FUGAS

The Supremes.
The Supremes.

06 feb 2026 . Actualizado a las 21:54 h.

Pasei polo dentista, necesitado dunha extracción que se fixo inevitable. O asunto non se desviou da rutina agardada. Uns minutos de expectativa, mentres a anestesia se encargou de adormentar a zona, e unha segunda fase na que o meu profesional de confianza procedeu a desarraigar a peza sentenciada por unha martirizante fendedura. Son doado de sorprender. Malia ser un acto médico ordinario, tendo a pensar que hai algo sobrenatural niso de que mediante a inxección dun anestésico sexas quen de admitir, con relativa calma, a liquidación pola forza dunha das túas moas. Unha manobra taumatúrxica, sempre extraordinaria para os profanos coma min. Sumo a iso o asombro que me seguen provocando outro tipo de maxias de uso habitual, tamén aconsellables para a restauración da saúde. Mentres me remexían a feito na boca, puiden identificar un par de clásicos da Motown soando na lista de Spotify que ambientaba a intervención. A frescura das melodías envioume directo a un país sen nome, a un tempo pretérito que me asaltou pola vía da insinuación. A unha memoria en habitual estado de latencia, medio clandestina, capaz de desbordarse nas situacións máis insospeitadas. «Así estou feito. Esquezo axiña ou non esquezo nunca». A frase escribiuna Samuel Beckett en Á espera de Godot, e na súa aparente sinxeleza expresa con lucidez a relación dual que mantemos co vivido. Ou resultamos ilesos ou todo son ecos indelebles. Saín da clínica, en efecto, segundo o guión previsto: cunha moa menos e a mandíbula aletargada, camiñando baixo a chuvia. Tamén baixo o efecto desoutra maxia imprevista que me avivou en secreto durante a extracción, contradicindo o operativo atenuante da anestesia. Estamos en mans de correntes enigmáticas. Enfróntase un con escaso entusiasmo á cerimonia de despedida dunha peza dental, coa sensibilidade maxilar en suspenso, mentres no exterior outra borrasca semella desbaratar o mundo, e resulta que acto seguido aparecen The Supremes con You Can't Hurry Love para propiciar unha ruta alternativa a tanto gris en curso, avivadora. Ou Marvin Gaye cantando What’s Going On con mil sedas intimistas, en espiral constante. Memoria e horizonte facendo de novo a guerra sen avisar, co seu coitelo de sempre entre os dentes. Todos en movemento, todos en pé. Todos vestidos con traxe de faena. Todos aloxados, non sabes como, no ceo da túa boca.