Tras a adaptación cinematográfica da primeira novela da saga, lectoras e libreiros despéxannos as dúbidas ao redor da febre polas obras de Freida McFadden. «Enganchan moi rápido», confesan
16 ene 2026 . Actualizado á 05:00 h.Son as 19.15 horas dun sábado 3 de xaneiro nun cine calquera, un día despois da estrea da adaptación á gran pantalla dA asistenta, o primeiro libro da saga literaria de Freida McFadden. A sala empeza a encherse de amigas, amigos e adolescentes que deciden ir vela en cuadrilla. Tamén de parellas de tortolitos cargados de cubos de flocos de millo e bebidas de litro. Incluso se acomoda nos asentos unha familia con nenos un pouco desubicados. Probablemente equivocáronse pensando que era a nova de Avatar. Aínda así, apenas quedan sitios baleiros.
A película empeza e a maxia deses 120 minutos ocorre vendo as reaccións da xente, sobre todo, daquela que non leu a obra. As escenas máis traumáticas provocan que o público poña as súas mans na cara para non ver. Hai quen, a pesar de porllas, separa un pouco os seus dedos para observar a través deles pola curiosidade. «Son menos escandalosas no libro», rumorea a moza da butaca de ao lado.
Coas que soben a temperatura, protagonizadas por Sydney Sweeney e Brandon Sklenar, pasa o contrario. As amigas abren a boca mirándose mutuamente e rematan esbozando un sorriso pícara. Os mozos levantan as cellas e non pestanexan. En cambio, os tortolitos xa non se aniñan tanto e ponse celosos: elas tápanlles os ollos a eles e viceversa. Non sabemos se a familia con nenos chegou a abandonar a sala nalgún momento, pero ao saír, o sentir xeral do público é de satisfacción. «Hai cousas do libro que salta, pero gustoume moito», escoita. «O xardineiro non fala nada e no libro ten máis protagonismo», óese tamén.
Aínda que moitos cualifiquen a película como un «telefilme típico de Antena 3» e os textos de McFadden como unha literatura «pouco profunda», existe algo evidente. Que teñen as novelas da autora estadounidense para que enganchen tanto?
As lectoras téñeno claro. «A asistenta non vai ser o libro da túa vida, pero pode ser bo para persoas que non estean acostumadas á lectura. Creo que os da saga enganchan rápido, son sinxelos e teñen capítulos curtos. O misterio, as historias entre diferentes clases sociais e a violencia son temas que atraen. A película tamén está ben para eses días que queiras desconectar», explica Lucía.
Pola súa banda, Alba aínda non viu a cinta. A pesar de que ten grandes expectativas, cre que a adaptación non superará o libro. «Non adoito ler thriller psicolóxico e pensei que non me gustarían. O primeiro dA asistenta sorprendeume, porque cando cres que entendes o que está a pasar, hai un xiro dramático. A autora sabe manter moi ben o suspense, vai rápido e non dá moitos rodeos. Agardo ler máis cousas de ela», afirma. Logo tamén as hai como Carlota. «Eu linos hai tempo, pero négome a ir ver a Sydney Sweeney e Brandon Sklenar ao cine», confesa.
O domestic noir de McFadden provoca que a xente que nunca se perdeu entre andeis dunha librería e o cheiro das follas de exemplares recentemente saídos do forno agora fágao. Celia Fernández, libreira de Nobel Ourense, dá cunha das claves do éxito. «O auxe conseguiuse a través das redes sociais, recomendándoas como lecturas doados e moi dixeribles. Ademais coincidiu con que se estaban traducindo máis novelas da autora publicadas hai tempo no mercado norteamericano, non só a saga», indica. O tipo de target está bastante definido: mulleres de entre 18 e 40 anos. Aínda así, hai un matiz curioso se non temos en conta o xénero e que é común. «O perfil adoitan ser persoas que ata o de agora non tiñan un hábito de lectura consolidado», confesa.
Desde a librería de Follas Novas en Santiago, Jacobo Ucha tamén é testemuña deste fenómeno en vendas. «Vendemos unha barbaridade. É un produto moi comercial, porque o feito de que saian tantos libros é rechamante», afirma. No panorama nacional, podemos atopar sucesos parecidos. «Gómez Jurado, por exemplo, creou o universo de Reina vermella e todo o que rodeaba ao seu protagonista, Antonia Scott. Ao final é un pouco similar ao que está a pasar agora coA asistenta. Hai adaptación audiovisual, precuela, libros...», apunta.
O libreiro, ademais, engade que son os nosos veciños do norte os que levan vantaxe neste tipo de xénero. «Os autores nórdicos tamén son moi demandados e os que máis novelas de suspense xeran. Non sei se agora pode haber de novo un mercado de produción norteamericano de novela deste estilo, pero quizais si», indica. Continuará...