Este Día das Letras 2026 dirixe a súa ollada cara á obra de Begoña Caamaño. Un acto de xustiza que se sostén na súa obra literaria
09 ene 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Nun artigo de María del Río, incluído en O libro das amigas (2015), incorpora un texto conmovedor e significativo de Begoña Caamaño no que afonda no que supuña a práctica da escrita: «Escribir cura as miñas dores. Libérame dos meus medos, escorrenta as pantasmas que me atormentan (...). Escribir forma parte tamén do compromiso colectivo coas mulleres que loitan en diferentes frontes. Escribir é unha homenaxe as mulleres que me abriron camiño, aquelas que dixeron NON, moitas veces a costa da súa vida».
Son estes, e non outros, os esteos sobre os que a autora viguesa construíu unha obra que todas as voces críticas recoñecen como memorable.
CIRCE
En efecto, Caamaño revisa e reconstrúe arquetipos mitolóxicos que nos chegaron da man de Homero a través dun filtro feminista e subverte a visión masculina dos mitos gregos a través dun exercicio que afonda nesa relación que manteñen deuses e mortais e que adquire, a meu entender, unha proxección inequivocamente contemporánea.
A escolla das figuras de Circe e mais de Penélope son as que posibilitan cimentar esta proposta na que salienta un exercicio estilístico intenso no que se refire ás descricións, ao ritmo, ás escollas léxicas e tamén unha acaída reprodución de atmosferas e ambientes que asentan en parte a verosimilitude do discurso. Un discurso no que o recurso epistolar se erixe como elemento nuclear para construír un imaxinario no que unha relación estraña irá gañando en complicidade para axudar a desvelar as claves de condutas, reaccións, afectos e desafectos que medran á sombra de Ulises, das mulleres e de Ítaca, alén de recrear a reflexión sobre valores sustentados na liberdade, na igualdade ou a propia tolerancia.
MORGANA
Probablemente ningunha outra peza narrativa contemporánea colleitou tal número de galardóns literarios tras a súa publicación orixinal en 2012. As razóns do éxito deste libro, dos seus inequívocos acertos e da dimensión brillante que vai adquirindo co paso dos anos, non se impulsa unicamente no proceso de transgresión dos mitos clásicos ao xeito cunqueiriano. Morgana en Esmelle subverte os arquetipos tradicionais e revela a importancia dunha visión feminista da realidade. É esta a razón que conduce a Morgana a visitar ao vello mago para formularlle preguntas que farán que nada sexa igual pois na reactivación dos recordos e da memoria é onde se percibe a oposición das olladas distintas e a importancia de asumir as propias decisións. Merlín resiste e quere esquecer amarguras ata que Morgana esixe razóns e demanda explicacións. O sabio esculca nos rescaldos da súa vida e non lle queda outra saída que a de cuestionarse o seu propio pasado. A tonalidade escollida para que o coro de voces que se expresan na novela —Felipe de Amancia, unha voz omnisciente que relata a xeito de crónica o ocorrido en Ávalon, a propia conciencia de Merlín reflexionando en alta voz sobre a súa vida ou Morgana, que protagoniza en primeira persoa o derradeiro capítulo— está nese punto medio que transparenta un rexistro expresivo doutro tempo que nos converte en cómplices do que se relata. Unha proposta narrativa que entra nos ámbitos íntimos da dor dunha culpa, como obriga ética, desenterrada.