Marlowe e os perdedores

Diego Ameixeiras

FUGAS

Humphrey Bogart como Philip Marlowe.
Humphrey Bogart como Philip Marlowe.

05 sep 2025 . Actualizado á 05:00 h.

Leo titulares que falan dun enorme aumento nas investigacións, por parte de detectives privados, de baixas laborais. Ata un 80 % nos últimos cinco anos, din. Teño sentimentos enfrontados. Alégrome polo sector dos pescudadores, cuxa facturación debe estar vivindo días de gloria. Pero lamento, por razóns obvias, que haxa unha morea de empresas destinando fondos a indagar na intimidade dos traballadores e non a outro tipo de actividades máis encomiables: ocórreseme agora subir soldos, pagar horas extras ou mellorar na prevención de riscos. Ata onde eu teño noticia, os detectives que amamos na ficción non se dedicaron moito a esas tarefas. Philip Marlowe —a figura máis lendaria do ramo, con permiso de Sam Spade e Lew Archer— adoitaba enguedellarse en asuntos de chantaxes ou andaba de aquí para alá á procura de desaparecidos. E todo ocorría entre diálogos de ouro e tramas na fronteira da confusión, a miúdo difíciles de seguir sen a axuda de lapis e papel. Para Ricardo Piglia, o investigador de Os Ánxeles —imbatible na arte do retruque, xogador de xadrez, lector de poesía— encarna a personalidade do intelectual convertido en home de acción, virtudes que hoxe se manteñen se sabemos desculparlle o machismo e os comentarios sexuais improcedentes. Xunto co que protagoniza O longo adeus, onde Raymond Chandler eleva a aposta coma nunca fixera antes, o meu Marlowe favorito é o de Osvaldo Soriano en Triste, solitario y final, aventura que arrinca co sabuxo ante a sepultura de Stan Laurel, o cómico da mítica parella do Gordo e o Fraco. Mentres escribo isto, escoito Watching the Detectives, canción que compuxo un Elvis Costello inspirado por The Clash, Bernard Herrmann e as queridas atmosferas do cine negro. Non é pouco. E leo, ao mesmo tempo, que o reverso da crecente fiscalización dos traballadores revela un contexto marcado pola precariedade, os soldos baixos e o desgaste emocional de quen nunca consegue chegar a fin de mes. Philip Marlowe non actuaba, precisamente, coma un axitador de conciencias obreiras. O seu estilo combinaba ironía, whisky e escepticismo respecto á condición humana. Pero detrás desa fachada, os seareiros sempre intuimos o heroe que se sitúa de parte dos perdedores da historia. Por iso nos gusta, aínda hoxe, observalo nas pantallas e nos libros. Igual que soñar con máis inspeccións de traballo e menos intromisións na vida privada da xente.