Jorge Navarro, Biznaga: «Queremos que o discurso cale en todos, non só na xente moi lida»

FUGAS

El gupo Biznaga.
O gupo Biznaga. cedida

Nome de referencia na nova onda do rock alternativo nacional, Biznaga trae ao SilFest a súa música de combate e desafogo

04 jul 2025 . Actualizado á 10:06 h.

Punk-rock con pequenas vetas de pop melódico. Textos de clara intención política, que falan de ti a ti a unha xeración sen expectativas, a que non pode nin pagar o alugueiro e amortece o seu malestar social e mental con benzodiacepinas. E unha voz rabiosa, que canta co corazón na garganta, comandando a nave. Eses son os vértices do triángulo que conforma Biznaga na actualidade e que plasmou no disco Agora! (2024). Mañá actuarán no SilFest do Barco de Valdeorras, o festival que arrinca hoxe e que tamén ten no seu cartel a Heredeiros da Crus, Repion, Mujeres, Kokoshca e Celia Becks, entre outros.

—Biznaga nace para canalizar a frustración ou para motivar o cambio?

—[Pénsallo uns segundos] Non están rifadas as dúas opcións. É certo que isto sempre funcionou como un xeito de canalizar a frustración persoal, que tamén ten moito que ver coa frustración social. Se pode servir para reflectir a frustración doutras persoas, relacionado cos problemas que nos afectan a nós, como a vivenda, a precariedade laboral ou a saúde mental, gústanos. Se lles serve como revulsivo para organizarse en algo máis grande, perfecto.

—Ven o seu disco «Agora!» como a fotografía dun momento?

—Nós falamos do tempo que nos toca, da realidade próxima e das problemáticas dese momento. A xente dinos que é unha fotografía moi do 2024. Claro, pero os problemas dos que fala xa estaban no 2020, o que pasa é que se foron agravando. Se non se resolven, tristemente tocará falar do mesmo no 2030. A fotografía é dun tempo concreto, pero, como os problemas non se resolven, esa fotografía vaise prolongando e tristemente terá vixencia dentro duns anos.

—Neste disco hai máis luz melódica. Están a atravesar a súa etapa pop?

—Si, é a versión do pop que fai Biznaga. A nós encántanos a música pop, sempre nos gustou. O do punk é porque xurdimos nun contexto moi concreto, pero, conforme iamos avanzando, fomos incorporando unha serie de influencias que sempre estiveron na nosa banda sonora da furgoneta ou as nosas casas. O punk é só unha pata máis. The Clash, un grupo que nace no punk pero logo vai a outro tipo de territorios, é un modelo para nós.

—Destacan no rock alternativo por claros. Son inimigos da metáfora?

—A nota de prensa do disco fíxoa Kiko Amat e titulouna Biznaga contra a metáfora. Iso ao final calou. Se miras no noso pasado, hai cancións moi crípticas, cheas de retruécanos literarios, aliteraciones, xogos de palabras e metáforas un tanto escuras. Depuramos o estilo en pos dunha claridade e unha horizontalidade con todo tipo de persoas que nos escoiten. Interésanos que o discurso cale en todo o mundo, non só na xente moi lida. Pero é complicado. Soltar un golpe directo e limpo, que chegue, quizais é máis difícil que facer un poema totalmente críptico. Dígoo porque eu viña desa escola e sei perfectamente que é. Pero, bo, segue habendo algunha metáfora.

—Moita xente di que en Biznaga escoita as conversacións con colegas que ten a diario sobre os seus problemas.

—A min encántame que se diga iso, porque me gusta que as cancións formen parte dunha gran conversación cultural máis ampla. Se o que se di nas cancións é o mesmo que se di nunha terraza dun bar para min non é algo negativo, senón todo o contrario. Participan da realidade e da conversación, están no mesmo tempo. Para min iso é positivo.

—Os concertos de Biznaga son moi comunais. Que sente cando unha chea de xente canta iso de «Imaxínaste que fose posible outra vida?»?

—Ese momento é moi inspirador. Éncheme de entusiasmo. Iso é unha parte moi potente. Ver a unha chea de xente cantando... iso é cando todo cobra o tamaño real. Faise todo moi grande. Parece coma se estiveses nunha manifestación berrando un lema con moitísima xente. Adquire todo un poder que empezou cando eu o escribín no meu computador, pero ata que non se fai realidade non ves toda a potencialidade que ten unha frase como esa berrada por moitas persoas á vez.

—Parece aí coma se toda esa masa tivese a certeza de que outra vida é posible, aínda que só sexa durante o que dura a canción?

—Claro, é a maxia da música e as cancións. Durante dous, tres ou catro minutos parece que todo é posible, e iso é algo marabilloso.