Isabel García Quintela, presidenta de Aturuxo: «Aplaudo cada vez que vexo un grupo novo de cantareiras»

Tamara Montero
TAMARA MONTERO SANTIAGO / LA VOZ

FUGAS

Marcos Míguez

A presidenta da agrupación Aturuxo, coa que actuaban as Pandeireteiras de Mens, gaba o recoñecemento deste ano á tradición oral

16 may 2025 . Actualizado á 05:00 h.

«Todo foi grazas á memoria destas mulleres labregas que se foi transmitindo, grazas a que se mantivo a tradición oral confiada á memoria desta xente». A imaxe de Teresa García, Prudencia e Asunción Garrido, Manuela e Teresa Lema e Adela Rey está presente durante unha conversa na que Isabel García Quintela remarca que na Agrupación Folclórica Aturuxo, que ela preside, non se coñece polas pandeireteiras de Mens, senón as Velliñas de Mens, —«e iso que algunha non chegaba aos 50 anos»— a aquel fato de mulleres bravas que no ano 1972 comezaron a actuar e que espallaron a presenza das pandeireteiras de xeito internacional. «Coñecemos mundo», dicían cando algún veciño, moito máis que as propias familias, as criticaba polas viaxes que facían. Este domingo, o festival de Aturuxo tamén servirá para darlle unha homenaxe ás pandeireteiras de Mens.

—Malia que se personalice, estas Letras están dedicadas a todos os que sosteñen e transmiten a tradición oral galega.

—Claro, e penso que é moi importante que haxa un recoñecemento a toda esa cultura popular que sen elas se perdería.

—Pero tamén será un orgullo que se recoñeza ás Velliñas de Mens.

—Imaxínate, estamos encantados porque son as pandeireteiras que estiveron con nós 20 anos. Manolo Cajaraville, que foi o noso mestre de baile e logo director artístico, soubo delas por dúas vías. Unha, por unha sobriña de Asunción e de Prudencia que tiña un bar en Monte Alto, o bar O Monte, que lle dicía: «Manolo, que teño unha familia que canta moi ben». Logo nomeárono xurado para un concurso que organizara a Sección Femenina no Teatro Colón e foi velas e caerlle as bágoas, e dixo: «Teñen que vir para Aturuxo». Dende o 2 de maio de 1973, durante vinte anos, toda a súa vida artística, estiveron con nós. Actuaron en 80 ocasións, en Galicia e boa parte de España, porque estiveron en Barcelona, Madrid, en Ciudad Real, en Calatayud, e tamén estiveron dúas veces en Francia, moitas, moitas, moitas en Portugal e en Bos Aires.

—Se cadra poderíamos dicir que as pandeireiteiras de Mens foron como as primeiras «rockstar» da música tradicional galega.

—Habería centos de mulleres no mesmo caso delas, pero deuse a coincidencia de que nos atopamos con elas, tiñamos a posibilidade de viaxar e a elas gustáballe moitísimo. E a través de Aturuxo puideron espallar todo o seu coñecemento, que era moito. O que deixaron é un legado que non te podes imaxinar. Elas mesmas, en conversas, dicían que cando non estiveran xa non habería ninguén que continuara coas pandeiretas, porque agora o que lle gusta á rapazada son as discotecas. E era certo, porque nos anos 70 non había pandeireteiras nin nos grupos folclóricos nin individuais como hai agora. Elas, onde aparecían era un bum, eran ovacións estrondosas. En Arxentina acabaron chorando todos os emigrantes. O seu legado é inmenso, porque todos os grupos teñen pandeireteiras e van recoller polas vilas, que daquela non se ía polas rúas como facíamos nós. Aturuxo recuperou o fandango de Muros e tamén o maneo, que non se bailaba, e agora todos os grupos temos maneo. E tamén está o seu xeito de tocar, porque elas tocaban cos puños, non coa man aberta. E inspiraron a moitísimos grupos, non só de cantareiras, tamén de folk, como Milladoiro, que foron incorporando as coplas das cantareiras.

—No que se trabucaron é en que ían ser as derradeiras. Porque Aturuxo xa fixo os 70 anos e a música tradicional está máis viva ca nunca.

—Eu cada vez que vexo un grupo de novo de cantareiras, aplaudo. Éntrame unha cousa... e lémbrome delas, porque para min son a imaxe dunha gran nai galiña coas ás abertas e con todos os pitiños que lle van nacendo. Cada vez que vexo un grupo novo dos que están saíndo, que son fantásticos, penso que a onde chegaron elas coa súa humildade, co seu bo facer e en como elas pensaban que cando desapareceran xa non habería nada.

—E hoxe están as Tanxugueiras, as Fillas de Cassandra, Mondra... A música tradicional é moi moderna. Escóitase nas discotecas.

—Totalmente, é que hai que renovarse, pero sen perder o cerne, de onde vimos. Hai que adaptalo tamén á mocidade e xa ves a cantidade de seguidores que teñen. De corazón, cada vez que vexo un grupo novo, aplaudo [ri].

—Pero houbo algún momento no que parecía que a música tradicional podería esmorecer, como pensaban as Velliñas de Mens?

—Penso que os galegos e a galegas a súa cultura levárona sempre, e se non, mira todos os centros galegos que hai por aí. Estou convencida de que todo o que forma parte do noso folclore nunca o perderon os galegos.