Andy Chichester, o «ianqui con alma galega» que medra en redes:  «Moléstame moito que digan que o galego é un dialecto»

FUGAS

O profesor Andy Chichester, que difunde o galego en redes.
Ou profesor Andy Chichester, que difunde ou galego en redes.

Este profesor que medra forte coma un buxo en redes sociais botando a lingua visita hoxe o Carballo Interplay. «Quero honrar esta lingua e esta cultura. Non son galego de pura cepa, pero penso que podo axudar», afirma

25 abr 2025 . Actualizado á 21:56 h.

Parece máis doado atopar galegos con falares e inquedanzas ianquis que un ianqui con alma galega, como é Andy Chichester, profesor universitario de filoloxía española que comezou a aprender a nosa lingua hai seis anos e hoxe, cando veñen mal dadas, pensa: «Malo será!». Andy vive nunha zona a 600 quilómetros de Nova York, «con vacas leiteiras e granxas familiares, semellante a Galicia». Pero aí hai hórreos e cruceiros? Non, iso non, admite este fan de Rosalía feliz de visitar este venres o festival Carballo Interplay, que se celebra ata o domingo, día 27.

­—Como foi que o convidaron a vir?

—Chegou como unha sorpresa por parte dunha das xefas do festi. E eu encantado de facelo! Que detalle, aínda que eu non coñecía o festival, que é para creadores de contido e influencers. Non o podía crer. Pero eu encantado de vir...

­—A priori, non semella fácil conciliar o ímpeto ianqui coa sensibilidade galega.

—Pois non... A xente queda abraiada do feito de que teña eu tanto amor por esta lingua e esta cultura. Non teño ascendencia galega, pero si teño moitos amigos galegos. Son friki das linguas. Comecei co castelán na uni e para min o galego foi unha lingua máis para aprender. É fermosa. Sorprendeume moito entendela, pensaba que era unha lingua moi exótica, afastada do castelán...

—E non o é?

—Castelán e galego son moi semellantes. Cando vexo que a xente de Madrid ou de onde sexa non poden cos letreiros e os nomes en galego non entendo. De difícil non ten nada.

—Non será só unha cousa lingüística.Hai outras razóns políticas ou culturais?

—En España? Claro, está. Hai un menosprezo da lingua e sufriu anos de represión. Moléstame que os españois digan que o galego é un dialecto. Como que un dialecto? Un dialecto non ten literatura, esta historia extensa e unha cultura tan rica.

­—Namorou de Santiago hai unha chea de anos. Amor a primeira vista... ou a primeira lingua? Que o engaiolou?

—No ano 87 estiven en Salamanca, na Universidade. Xusto despois de ver a película Divinas palabras fomos cun amigo de excursión a finde a Galicia, porque non estaba lonxe. Foi abraiante. En Estados Unidos non temos cousas tan antigas. Foi, para min, unha paisaxe de feitizo. A néboa. Todo o verde. E en Santiago todo de pedra, aquilo era como entrar na Idade Media. Puiden meter a man no pórtico da Gloria e puiden ver o botafumeiro... No campus universitario de Compostela lembro amais unha sensación de estar na casa. Foi, como se di, unha experiencia transformadora.

­—Como explica que unha lingua que perde falantes no seu berce, segundo o que indican os máis recentes informes, gañe curiosos e alumnos polo mundo adiante?

—Non o sei. Todo pasou por accidente no meu caso. Despois de visitar a Coru no 2019, ao meu fillo, entráronme ganas moi serias de aprender a lingua. Antes xa tivera interese, mais non os recursos para facelo. Un amigo aconselloume a Celga e na súa web atopei recursos para baixarme e aprender. Púxenme a estudar e lía cada día cousas, vía programas na TVG, o telexornal no YouTube, onde podes acceder a pelis e a todo tipo de contido en galego. Pasei anos mirando estas cousas. Sabía que estaba pasando máis aí que acó! Para practicar falando con amigos é duro, pola diferenza horaria. É unha lea atopar un oco común. Eu mandaba clips aos amigos galegos e eles mandaban outros de volta. Conseguín crear unha canle de YouTube. Pasaron cinco anos e hai máis de 250 clips colgados no YouTube. Xa che digo que comezou todo como un xeito de falar e practicar o galego, pero tivo efecto na xente e un beneficio inesperado. Nunca pensara eu que podía ter esa acollida na xente. Eu non gaño cartos con isto.

—Adoita recibir comentarios «caralludos»?

—En xeral, recibo comentarios moi positivos. Ás veces, algúns teñen bastante retranca. E hai xente que non vive sen criticar algo... Pero que a xente teña interese na lingua conmóveme tanto. Que estean orgullosos da lingua alégrame. Porque aí hai algo político coa lingua. Eu son un observador, e ás veces quero entrar na cousa e outras... non debo meterme onde non me chaman. Eu síntome defensor da lingua galega. Sinto que algo podo axudar, e quero! Non son galego de pura cepa, son galego de alma. E os amigos que eu teño aló son como irmáns. Eu quero honrar a lingua e a cultura galegas.