Eladio Santos, sen Los Seres Queridos: «Gústame cantar sen pretensións transcendentais»

FUGAS

Eladio Santos.
Eladio Santos. cedida

En «Estëreo Estrada», o seu primeiro disco sen Los Seres Queridos, o músico vigués tórnase máis íntimo e máis espido ca nunca

24 oct 2024 . Actualizado a las 13:08 h.

Sen artificios nin confeti. Eladio Santos en estado puro. Cos seus traumas e as súas paixóns. Os seus anhelos e os seus temores. Así se mostra o músico vigués en Estëreo Estrada, o primeiro disco que asina co nome que figura no seu rexistro civil. E faino a ritmo de valse, de folk americano, de elegante pop ou, mesmo por momentos, transmutado en austero cantautor.

 

­—A primeira pregunta é obrigada: Que pasou con Los Seres Queridos?

—Non pasou nada. Seguimos levándonos extraordinariamente ben despois de 20 anos e creo que estamos soando mellor ca nunca. Hai ideas para facer cousas con Los Seres Queridos no 2025.

—Entón, por que un disco en solitario?

—Con Los Seres Queridos temos un montón de repertorio e eu quería sacar cancións fóra dese repertorio. Estou moi orgulloso dese legado, pero non quería sacar un disco e despois, en directo, só poder tocar tres cancións del. O que me gusta de Eladio Santos é poder ir tocar sen ter que responder do meu pasado.

—Pero hai moitas cancións neste disco que poderían ter cabida nun con Los Seres Queridos sen ningún problema, non si?

—É que a diferenza realmente está na produción. O proceso de composición é o mesmo. Digamos que este disco sería a maqueta que eu lle presentaría a Los Seres Queridos para a partir dela facer o álbum. Pero cando traballo eu só, o proceso de produción remata antes.

—Hai cancións como «Solo de flauta», nas que asoma máis ca nunca a túa vertente de cantautor.

—Esa canción é un poema de Nicolás Guillén que sae no disco Pablo Milanés canta a los poetas cubanos. No meu anterior disco, Academia, tamén hai outra versión doutro tema dese álbum, Pasan días. É como unha obsesión a que teño con ese disco. Tíveno na casa dende moi neno, sempre o escoitei e sempre estou sacando cousas del. Ademais, eu fun gaiteiro e antes que a gaita toquei a frauta, e sempre tiven ganas de meter ese instrumento nalgunha canción. Pero para min a canción máis de cantautor que hai no disco é Ciudadanos.

—Dilo pola letra?

—A ver, eu nunca pretendín ser poeta. Pero neste disco si que pode haber unha certa tendencia a escribir un pouco máis profundo ou sofisticado. Para min, escribir a letra sempre é a parte máis difícil, o que máis tempo me leva. A min gústame o pop e facer cancións que cante a xente espontaneamente. Que, por certo, é algo que está pasando agora moito en Galicia grazas ao tradi. Esa forma de escribir encántame. Estaba desexando que pasase isto dunha vez. Que volvésemos cantar sen pretensións transcendentais, como se cantaba hai 200 anos.

—Sénteste máis libre sabendo que o que estás facendo é só para Eladio Santos?

—Eu cando fago unha canción, sempre busco entusiasmar os Seres Queridos. Quero mandárllela e que me digan: «Ostras, que temazo!». E agora, esa parte afórroma. Tamén é certo que sen eles os medios que teño son máis limitados. Pero iso tamén é bo para a creatividade.

—Falabas de estruturas pop, pero hai cancións, como «Farto e baleiro» nas que aflora ben ás claras a túa debilidade polo folk americano.

—É que eu o folk americano considéroo dentro do pop [ri]. Esa canción ten unha historia curiosa. Un amigo meu sempre me dicía: «Cando fagas unha canción de astronautas, faina country». A min esa frase sempre me gustou e con Farto e baleiro apliqueino. Sempre me molaron eses contrastes entre as temáticas e a produción.

—Pode que te puxeses máis «intensito» que nunca neste disco?

—Eu sempre fun intensito de carallo [ri]. Pero agora que o dis, si que nalgún momento tiven certo pudor. Si que pensei que igual me pasei, como ti dis, de intensito. O que seguro que non fixen, nin agora nin nunca, foi sobreactuar. Gústame darlle ás frases o que teñen por si soas, sen conto de máis. Pero intensito, no sentido de que saco máis cousas da miña alma, si, pode ser.

—E o asunto do idioma? Tes discos en castelán e discos en galego, pero nunca apostaches por mesturar os dous, nesta sorte de bilingüismo harmónico.

—Bilingüismo harmónico total [ri]. A ver, eu son principalmente castelanfalante. Pero no meu disco Cantares descubrín que cantar en galego era unha sensación superguai. O pracer é máximo. Mesmo por como pos a boca para vocalizar. E, por outro lado, é refrescante cantar en galego. É natural. Hai anos era un xesto. Agora xa non é iso para nada. No meu primeiro grupo todas as cancións eran en galego, porque eramos o típico grupo punki, reivindicativo a muerte. Falabamos todos en castelán, pero cantar..., en galego. Era algo que nin se cuestionaba. Agora todo iso cambiou, afortunadamente.

—Como dis na canción coa que remata o disco, quítache o sono a velocidade coa que van os tempos?

—Si, un pouco ese é o tema en torno ao que xira o disco. Aparece en moitas cancións porque todos somos vítimas dese ritmo do scroll no que vivimos e que tanto está minando a nosa saúde mental. É complicado verlle futuro a este mundo. De feito, eu creo que a ultradereita está en auxe porque venden pasado. E véndeno moi ben.

—Por certo, pode que este sexa o teu disco menos político?

—Ao mellor é que xa a política está totalmente desfigurada. Coas batallas que temos por diante, xa non loitamos contra ideas políticas, estamos loitando contra terraplanistas, contra xente que nega evidencias, contra conspiranoicos. Xa non é unha cuestión de conservadores contra progresistas. Agora temos que defender o obvio. Eu nunca pensei que en 2025 tería que seguir loitando contra o racismo ou a homofobia.