Cando o novo cine chegou ao oeste

FUGAS

cedida

Os cambios en Hollywood chegaron tamén ao western no ano 69. Da man de George Hill, Paul Newman e Robert Redford confirmáronse como a parella perfecta para dicir adeus

08 nov 2019 . Actualizado á 05:00 h.

En 1969, Hollywood vivía a súa propia revolución, tal e como recolle Tarantino na súa última película. Os grandes estudos intentaban adaptarse a aquela xeración de moteiros tranquilos e touros salvaxes que tan ben describiu Peter Biskind no seu libro. Hai medio século estreábase Easy Rider, e a meca do cine viuse arrastrada por aqueles mozos que querían contar as cousas á marxe do sistema, ao seu xeito, coa súa propia linguaxe, a fume de carozo. Ningún xénero quedaba fóra dos cambios. Tampouco o wéstern. E é que a finais dos 60 o oeste xa non podía ser o mesmo. As películas clásicas de vaqueiros perderan o seu espazo, pero o xénero resistíase a desaparecer. O 69 foi o ano de dúas grandes películas do oeste, moi diferentes, pero que virían dar unha volta ao xénero e marcar o camiño do que se deu en chamar o wéstern crepuscular. Os heroes non o eran tanto, os finais non eran felices, a violencia era outra cousa. Hai 50 anos estreáronse Grupo Salvaxe (Sam Peckinpah), e Dous homes e un destino (Butch Cassidy and The Sundance Kid), de George Roy Hill. Unha comedia que non o era tanto, unha clásica película de colegas que ía máis aló, algo lixeiro cun fondo máis amargo, unha reunión de guapos oficiais que eran máis que caras bonitas.

CAMBIOS SUTÍS

Mentres Dennis Hopper e Peter Fonda foran aquel mesmo ano os encargados de facer saltar polo aire ao vello Hollywood, o tándem Newman-Redford faría a súa propia revolución tranquila. Hill e o guionista William Goldman parecen entender que se poden subverter os códigos do xénero sen rebentalos: se en aparencia todo pode parecer clásico, en realidade o novo Hollywood cóase nesta xoia de xeito silencioso, como un torrente subterráneo, con dous colegas que van contra o sistema entre risos, fuxindo da autoridade e das normas. Un humor sutil, unha muller completamente distinta ás que habitualmente poboan os wésterns (fantástica Katharine Ross), unha amizade a tres coa ambigüidade necesaria, con certos aires de Jules et Jim americano e livián. Esa fuxida cara adiante que parece presaxiar a de Thelma e Louise tantos anos despois. Se o personaxe de Katharine Ross abandona a Newman e Redford para non ver o inevitable, os espectadores tampouco vemos morrer aos protagonistas. Aínda que, como en Easy Rider, como en Bonnie and Clyde, como no propia Grupo Salvaxe, non hai outro final posible.

Conta Shawn Levy na completa biografía de Newman que este quería interpretar a Sundance, pero que tanto o estudo como o director tiñan claro que o seu papel era o de Butch. Newman resignouse e empezou a procura de compañeiro. Aínda que todas as quinielas apostaban por Steve McQueen, este non estaba disposto a gañar menos que Newman. E foi a muller de Paul, Joanne Woodward, quen propuxo a Robert Redford, que levaba dez anos no gremio á espera dun grande éxito. Na rodaxe de Dous homes e un destino, os dous actores forxarían unha amizade coa que só puido a morte de Newman. A película recibiu críticas mornas, pero foi un éxito de despacho de billetes. Recadou 102 millóns de dólares, foi nomeada a sete óscares e gañou catro. Curiosamente, aquel ano o premio ao mellor actor levouno o home que definira o que era un vaqueiro dos de antes, John Wayne, por Valor de lei. Nada máis rematar a película, Newman e Redford empezaron a pensar en novos proxectos. Sería o mesmo director quen os xuntaría de novo na fantástica O golpe, tres anos despois.

Máis aló da morte

A pegada dos dous ladróns quedou gravada no cine. Que outro nome senón Sundance podería dar Redford ao festival que puxo en marcha en Utah. E curiosamente, foi un español quen se atreveu a preguntar que pasaría se un dos dous sobrevivise para contarnos que pasou tras aquel lendario final: Mateo Gil rodou no 2011 a interesante Blackthorn, e devolveunos a Butch Cassidy por un momento.