O Pazo, terreo hostil para o Valencia

FORZA BREO

Manuel Guede

Os levantinos perderon na metade das súas visitas ao actual templo del Río Breogán e de xeito consecutivo entre o 2002 e o 2006

07 oct 2025 . Actualizado á 15:59 h.

A segunda xornada da liga Endesa trae ao Pazo (domingo, 17 horas, DAZN) a un dos peores rivais posibles para que o Río Breogán seque a bágoas da derrota no debut ante o Hiopos Lleida. O Valencia Basket iniciou a tempada en modo avión, levantando a Supercopa Endesa, gañando os seus dous partidos de Euroliga e derrotando ao Barcelona na estrea ligueira. A lóxica xogará en contra do equipo lucense, que entre os argumentos que manexa para crer na fazaña están os problemas que historicamente ten o conxunto taronja para saltar o santuario lucense. Perdeu a metade dos seus 14 partidos no Pazo, mentres que no Pavillón Municipal encaixou dúas derrotas en cinco compromisos.

o último triunfo local

Recital de Musa: 31 puntos e MVP da xornada

Está aínda fresca na memoria do breoganismo a última vez que o Valencia se calcinou na caldeira do Pazo. Foi na tempada 2021/2022 e para o recordo quedou, máis que o marcador final (99-82), a exhibición de Dzanan Musa que lle valeu para ser designado MVP da xornada por quinta vez na tempada. Acabou con 31 puntos no seu haber, con 2/3 en canastras de dous puntos (67%), un incrible 5/6 en triplos (83%) e un case perfecto 12/ 13 desde a liña de persoal (92%). Unha achega ofensiva que ampliou grazas ás 7 asistencias que repartiu, que xeraron un total de 16 puntos para o seu equipo. Na faceta reboteadora, logrou capturar 5 balóns, todos eles en labores defensivos, completando a súa estatística con 1 tapón, sobre un lanzamento de Josep Puerto, e 8 faltas recibidas. Tras a disputa deste encontro, Musa estableceu os seus novos topes en triplos (5) e valoración (47).

a década do 2000

Seis vitorias e só unha derrota dos celestes

Entre o 2002 e o 2006 o Valencia atravesou unha severa seca de triunfos no Pazo a pesar de visitalo cada tempada. Encaixou cinco derrotas consecutivas, destacando a malleira (86-69) que recibiu en febreiro do 2006 a mans dun Breo que poucos meses despois acabaría descendendo. Ricard Casas era o técnico dun equipo taronja con Dikoudis, Luengo, Harrington e o exbreoganista Rubén Garcés, entre outros. McNaull (17 puntos), Brown (15), Mickeal (13) e Bogavac (11) foron os principais artífices daquel triunfo celeste.

A peor serie dos levantinos no Pazo comezara no curso 1999/2000, o da reaparición breoganista na ACB catro anos despois. Con Paco García ao mando, os celestes impuxéronse (65-62) na xornada 29 ao Valencia dirixido por Miki Vukovic e con xogadores como Bernard Hopkins e Tanoka Beard nas súas filas.

32 puntos de Sanmartín na xornada final con Luis Casimiro no banco visitante

Na campaña 2001/2002, o Breogán e o Valencia atopáronse no Pazo na xornada final do campionato, ambos cos deberes feitos, e os anfitrións impuxéronse por 75-65. O banco do Valencia ocupábao o actual técnico breoganista, Luis Casimiro, a cargo dun cadro de persoal no que destacaban Alston, Hopkins, Paraíso e Nacho Rodilla. O gran protagonista daquel duelo foi o local César Sanmartín, autor de 32 puntos, 9 rebotes e unha valoración de 34 créditos.

Un curso despois, o reencontro no Pazo produciríase na xornada 26, co Breo de Andreu Casadevall en plena loita por pechar a permanencia e outro exbreoganista, Paco Olmos, gobernando o Valencia. Impuxéronse os locais por 88-77 despois dun festival anotador desde a liña de 6,25. Racca (6), Sanmartín (2), Gomis (2), Javi Rodríguez (1), Davis (1), Biota (1) e Ricardo González (1) repartíronse os 14 triplos da escuadra lucense.

Racca, outra vez letal ante o Valencia de Paco Olmos

O partido entre o Breogán e o Valencia no Pazo da campaña 2003/2004 tivo lugar xa na sexta xornada e repetiron moitos protagonistas do disputado o curso anterior. Casadevall e Olmos ocupaban os bancos e o primeiro volveu gañar a batalla táctica. Venceron os lucenses por 87-67 con outro extraordinario partido de Racca, autor de 23 puntos cun 4/4 en triplos.

40 puntos de Charlie Bell, a un do seu tope na ACB

Na lista de protagonistas das vitorias do Breo sobre o Valencia no Pazo non podía faltar un dos xogadores que máis pegada deixaron en Lugo: Charlie Bell. O base de Míchigan asinou 40 puntos para exercer de verdugo do Pamesa de Pablo Laso, con Oberto e Rakocevic como principais estrelas: 96-88.

as citas no municipal

Dous triunfos locais en cinco enfrontamentos

As primeiras visitas do Valencia a Lugo tiveron como escenario o Pavillón Municipal. No vello fogar breoganista víronse as caras en cinco ocasións, cun saldo de dous triunfos locais e tres visitantes. En 1989 gañaron os lucenses por 91-90 con 32 puntos de Roberts e 27 de Peña, mentres que no 92 a vitoria do Breo foi por 98-94 con Claude Riley (35 puntos) como xogador determinante.