O Río Breogán empeza a liga durmido na cancha do Lleida (87-68)

FORZA BREO

AXENCIA LOF

A partir do primeiro cuarto os locais, mellores en todas as facetas, gozaron de vantaxes superiores á decena de puntos

04 oct 2025 . Actualizado á 23:43 h.

O Río Breogán sufriu unha severa tempestade e acabou naufragando no seu primeiro partido na liga Endesa. Parco en intensidade e ideas, e moi errático no lanzamento, foi claramente superado por un Lleida que apenas levantou o pé do acelerador: 85-68.

Nunca gañara o conxunto breoganista aos ilerdenses na máxima categoría. Cruzáronse por primeira vez o curso pasado e os de Gerard Atopa impuxéronse nos dous enfrontamentos. No terceiro pulso, Agada absorbeu o protagonismo anotador no seu equipo e Dewayne Russell converteu os primeiros puntos da tempada para o Breo. Luis Casimiro empezou a mover o banco cando o Lleida, cun par de triplos, despegouse no marcador (15-7). Saíron a escena Francis Alonso e Jordan Sakho, pouco despois fixérono Bakary Dibba e Dominik Mavra, pero os celestes non remataban de entrar en calor nin de collerlle as medidas ao partido. Durante un bo treito permaneceron atascados nos sete puntos ata que Dibba reactivou a conta cun triplo e un mate que non tardarían en atopar resposta por parte dun Lleida que, con mellor defensa, máis efectividade ofensiva e un maior poderío no rebote, gozaba dunha zumenta renda de oito puntos á conclusión da primeira manga (23-15).

O partido renovouse cun parcial de 4-0 e con Dibba salvando os mobles noutro ataque breoganista. Aranitovic converteu o seu primeiro intento desde o triplo, pero a cada poutada lucense respondían os de Gerard Atopa con celeridade; na maioría das ocasións, con ataques rápidos culminados na pintura. Cun triplo de Batemon, o Lleida acadou a súa maior vantaxe (33-20), que os de Casimiro rebaixaron cun triplo de Kurucs e unha canastra de media distancia de Aranitovic. Desde o arco de 6,75 era máis preciso ao Breo, pero os anfitrións conservaban a fenda no marcador co seu dominio do rebote e a súa admirable porcentaxe de acerto nos tiros de dous puntos. A apenas tres minutos para o que choque chegase ao seu ecuador, o Lleida fallara só un tiro no poste baixo e as súas inmediacións. Un parcial de 10-3 favorecido pola apatía dos pupilos breoganistas no epílogo do cuarto volveu disparar no marcador aos morados, que vencían por 15 ao descanso: 45-30.

O Breo reapareceu co mesmo quinteto titular coa excepción do cambio de Dibba por Dreznjak. Nun pispás, sobre todo pola frouxidade visitante na pintura, a diferenza creceu ata os 18 tantos (53-35) e o encontro xa se complicou dun xeito serio para os lucenses, que non eran capaces de, cando menos, igualar o nivel de intensidade do seu adversario. Só Bakary Dibba parecía o suficientemente activado e o Lleida seguía facendo sangue baixo o aro. No xogo interior a diferenza era abismal. Cando estaba a piques de caer o pano do terceiro cuarto no Barris Nord, o Lleida triplicaba os puntos na pintura dos homes de Luis Casimiro (30-10). Nin Apic, nin Brankovic nin Sakho era capaces de sufocar o vendaval que sufría o seu equipo baixo o aro. Con só 10 minutos por xogarse, presaxiar unha vitoria do Breo soaba a utopía. E máis que polo marcador (64-46), porque os celestes estaban sumidos en profundo letargo que non eran capaces de resolver e co que achandaban o camiño a un Lleida que saía ileso de cada momento de seca anotadora.

Do +19 pasar ao +14. Dreznjak rebaixou a desvantaxe ata a ducia nos momentos de maior fluidez do Breogán en ataque, pero a remontada seguía tendo visos de imposible porque o reloxo avanzaba e o Lleida non cedía a iniciativa no rebote nin rebaixaba nin un chisco o seu compromiso defensivo. Os minutos finais consumíronse xa con todo o peixe vendido.