O Río Breogán atópase nun momento da tempada no que, coa permanencia no peto, debe buscar un obxectivo concreto polo que loitar. O play off está realmente complicado, polo que quedar entre os dez mellores podería ser un reto abordable.
Para isto hai que mellorar as prestacións en partidos como o do Casademont Zaragoza. Os de Porfirio Fisac sabían o que xogaban e no aspecto defensivo saíron moi serios: defensa ao límite da falta, uso do corpo nos contactos... Tamén, quizais, aproveitando a permisividade arbitral que marcou o partido.
O primeiro cuarto de Stefan Jovic, un base contrastado a nivel europeo, marcou o resto do encontro posto que condenou ao equipo lucense a ir a remolque durante moitos minutos. En primeira instancia, Marko Lukovic e Ethan Happ, co seu acerto en posicións próximas ao aro, freaban os intentos visitantes de romper o encontro.
Pero o Breo demostrou esta tempada que cando xoga a un intercambio de canastras non lle vai ben. Véñenseme á cabeza canastras moi doados de Jovic, tras rebloqueo en bloqueo directo, de Santi Yusta rizando tras unha saída de bloqueos indirectos ou Hlinason facendo dano no rebote e en cortes ao aro.
Cando o Breo cambiou a cara no inicio do terceiro cuarto, cun parcial inicial esperanzador, defendendo e correndo como acostuma, apareceu o acerto dos zaragozanos, especialmente de Simanic, que levaron unha vantaxe superior aos 10 puntos moi complicada de levantar. O Breogán tampouco gozou do acerto que tivo outros días, cun 6/25 en triplos que non adoita ser habitual, fallando tiros moi cómodos xogadores como Bamforth, Nakic ou Sergi García que habitualmente están moi ben nesta faceta
Veljko Mrsic (recentemente renovado, ao meu xuízo merecidamente) tratou de cambiar o partido coa zona de axustes e a presión zonal, pero faltaba contundencia defensiva. Os pivotes do Breo non estiveron duros como outros días e bótase de menos a enerxía defensiva de Sergi Quintela e de Erik, quen neste tipo de partidos, na miña opinión, debería participar máis.