A demanda dun instituto con FP e o lixo centran o debate do pleno de Valdoviño

LA VOZ VALDOVIÑO

VALDOVIÑO

CEDIDA

O PP votou en contra da solicitude do centro educativo á Xunta

08 nov 2025 . Actualizado á 20:40 h.

PSOE e BNG demandan a construción dun instituto de ensino secundario con oferta de FP básica en Valdoviño. Ambos os grupos aprobaron a moción debatida o xoves no pleno para solicitar á Xunta que incorpore este proxecto aos Orzamentos de 2026.

O PP rexeitou esta iniciativa «sinalando o seu desacordo con outros puntos da proposta, como pedir á Xunta máis recursos para o Fondo de Cooperación Local que reciben os concellos para asumir as competencias impropias, e aumentar en 500 millóns os fondos para garantir a prestación de servizos públicos no rural, equiparando dereitos respecto á zona urbana», indican fontes municipais.

En canto ao instituto, o Concello fala de «débeda histórica co municipio». «O desenvolvemento de Valdoviño está na educación», remarcou o alcalde, o socialista Alberto González.

Hai ou non hai «taxazo»?

O lixo xerou debate no pleno. PSOE e BNG rexeitaron a moción do PP sobre o imposto á vertedura e a incineración. O rexedor explicou que o canon imposto por Sogama «non repercutirá na veciñanza, xa que non se aumentará este ano o recibo do lixo. Será así pola adaptación das novas frecuencias de recollida ás taxas realizada coa entrada en vigor do novo contrato. Ademais de por terse acollido ao canon reducido e, sobre todo, pola maior concienciación social en materia de reciclaxe e a redución de custes que supón».

O PP, con todo, sostén que PSOE e BNG «retratáronse» ao oporse á súa moción «en contra do incremento da taxa do lixo, unha medida á que está obrigado o Goberno central, ao abeiro da Lei estatal de residuos e solos contaminados». Insiste en que «o taxazo municipal non se sustenta no cumprimento da directiva europea, unha mentira na que se basean os socialistas para tratar de xustificar este atropelo».