Só queda un niño de píllara da duna, o da Campioa

Bea Abelairas
Bea abelairas FERROL

VALDOVIÑO

SGHN

Se os tres ovos non saen adiante a especie estaría ao bordo da extinción na comarca esta tempada

22 jun 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

A píllara das dunas (charadrius alexandrinus) é o ave máis fráxil na comarca e de case toda a costa galega. Os voluntarios da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) agárdana con ansia todos os anos para facer de gardiáns dos seus niños, que estes paxariños elaboran sobre a area das dunas ao alcance de demasiados perigos. O ano pasado tres parellas lograron sacar adiante bastantes pitos, pero esta tempada o mal tempo, a acción dos humanos e doutros animais complicou unha crianza que só ten tres posibilidades, a que suman os tres ovos que desde onte velan os responsables da SGHN. «Son da píllara que sempre regresa a Esmelle, chamámoslle a campioa», conta Paco, un dos que velan por esta especie e que xa se apresurou a protexer este niño.

Esta primavera todo vai en contra das píllaras: o bo tempo chegou tarde e atrasou a posta; os temporais arrinconaron ás parellas e os vixiantes desta especie cre que os poucos ovos que apareceron remataron nas fauces de mustélidos e mesmo algún raposo. Aínda por riba as advertencias para que se evite pasar polas dunas con cans ou outros animais, como cabalos, tampouco se cumpren e iso implica un dano directo a esta ave que está a piques de desaparecer na comarca, mentres que noutras zonas da costa galega resiste algo mellor.

Momento delicado

Tamén hai accións que axudan á Campioa, como o feito de que a Federación Española de Surf teña decidido trasladar o Campionato de España da localización prevista, a praia de Doniños, á praia da Frouxeira, de Valdoviño para non molestar.

Mentres, desde a SGHN seguen velando pola familia dunha ave que leva catro anos regresando a Esmelle e á que recoñecen porque leva unha anilla que eles mesmos lle colocaron. Non poden facer máis que agardar e lembrar que todos os niños se atopan debidamente sinalizados en virtude dun plan que prevé sancións para os que se salten a restricións.

Lembran que colocar a toalla preto de zonas onde está a aniñar a píllara das dunas tamén lle afecta, porque pode provocar que se asuste e que acudan outras especies máis depredadoras e menos tímidas, como os corvos, a esnaquizar os seus niños.

Mellor noutras costas

Aínda que o problema fundamental radica nas persoas que seguen paseando por Esmelle, Valdoviño, Santa Comba ou Ponzos cos seus cans. Xa só o paso de xente preto dalgún destes espazos interrompe unha incubación que este ano se converteu en máis importante que nunca. A píllara das dunas é o ave máis ameazada de cantas habitan no litoral galego, e está protexida en toda Galicia, pero noutras zonas ten moita máis sorte. É o caso de Razo ou Baldaio, en Carballo, onde o ano pasado chegaron a rexistrarse 26 niños, aínda que finalmente só catro ou cinco pitos botaron a voar.

Mentres que en Traba de Laxe, os axentes de Medio Ambiente xa balizaron catro niños. Un xa ten pitos, dous quedaron sen elas polas accións dos corvos, e no cuarto está depositadas todas as esperanzas. Na Barra hai unha baliza, e no Rostro e Nemiña tamén hai máis niños. Pero en Ferrol só queda o da Campioa.