Unha tarde de medo en San Sadurniño

La Voz SAN SADURNIÑO

SAN SADURNIÑO

Leandro Paz - Entremedias

Veciños do municipio participaron ao fin nun Samaín que tivo que ser aprazado polo mal tempo

11 novs 2023 . Actualizado ás 18:03 h.

En San Sadurniño este venres pasáronllo «de medo» nunha tarde de terror. O Samaín tivo que posporse a causa do temporal da pasada semana e finalmente celebrouse onte. E o centro cultural encheuse ata a bandeira para asistir a unha nova proposta escénica preparada polos propios veciños, que durante preto dunha hora percorreron os mitos, as lendas e os personaxes fantásticos da tradición galega e local. A xornada concluíu no claustro do convento do Rosario cun magosto e unha chocolatada popular.

O Concello quere agradecer a implicación de preto de medio centenar de persoas de todas as idades, na súa maioría pertencentes á asociación Brío, ao Castelo de Narahío, e á agrupación cultural Encrucillada. Todos participaron na iniciativa coordinada polo director teatral Pepablo Patiño. O espectáculo foi conducido polo actor Kevin Lorenzo. 

Desde as áreas municipais de Cultura e Participación, promotoras deste primeiro Samaín Veciñal en San Sadurniño, xa se avanza a intención de repetir experiencia o próximo ano, agardando que entón o tempo permita levar a cabo o itinerario exterior que se previu inicialmente para esta edición.