Propietarios das Fragas do Eume esixen compensacións dignas: «Xa abonda de abuso»
PONTEDEUME

O domingo manifestáronse entre as rotondas de Cabanas e Pontedeume
14 jul 2025 . Actualizado á 05:00 h.«Xa abonda do abuso ao que nos vemos sometidos, esiximos compensacións dignas». É a demanda dos propietarios das Fragas do Eume, que onte volveron manifestarse entre Cabanas e Pontedeume para denunciar «a falta de disposición da Administración para achegar posturas no conflito».
Inciden en que levan «case 30 anos de fortes limitacións sobre os terreos, que inciden na súa rendibilidade, non podendo decidir (os donos) de xeito libre sobre o seu destino, xa que ha de facerse baixo autorización sempre e para calquera proxecto».
Lembran que máis do 80% da superficie do parque natural é privado e reiteran que non pretenden especular coas súas leiras. «Queremos ceder os nosos terreos para utilidade pública, si, pero con compensacións acordes ao terreo e ao prexuízo causado, vía acordos voluntarios serios, xustos e realistas, ou vía expropiación. Non imos consentir o uso de terreos privados para utilidade pública sen o oportuno procedemento», subliñan.