O Anpa denuncia que o colexio de Andrade, en Pontedeume, «está a caer a cachos»

A. F. C. PONTEDEUME / LA VOZ

PONTEDEUME

Esixe á Xunta a mellora do edificio, moi deteriorado, e do recinto do centro

18 nov 2023 . Actualizado á 11:33 h.

Nos ao redor de 40 anos transcorridos desde a construción do actual CEIP Plurilingüe de Andrade, situado na parroquia homónima de Pontedeume, non se acometeu ningunha reforma de calado, máis aló dos traballos de mantemento do Concello. A presidenta do Anpa estudou neste colexio e desde o colectivo aseguran que «segue exactamente igual». A lista de deficiencias é extensa: «As ventás filtran auga, e aínda que se acenda a calefacción escapa o calor e fai moitísimo frío».

A zona pola que saen do centro os alumnos de Infantil «está feita un desastre, hai un espazo valado que non se pode empregar, cheo de maleza». É onde leva enterrado, ao redor dunha década, un depósito de combustible que non se utiliza, e por seguridade impídese o acceso aos colexiais, como apunta Alba Moreira, integrante da directiva da asociación. Destaca que a escola conta cun terreo exterior «moi amplo, pero que non se pode empregar no inverno porque non hai ningunha zona cuberta». Isto obriga aos menores para pasar os recreos turnándose entre a biblioteca e os corredores, «porque non teñen onde ir». «Precisan, polo menos, un teito na pista para poder usala cando chove», remarcan.

A deterioración das instalacións é evidente, como se observa nos baños, «que levan sen reformarse desde que se fixo o centro, e están totalmente obsoletos, e non hai por onde amañalos». Tamén presenta problemas o mobiliario do centro, hai baldosas rotas e outras deficiencias. O Anpa non comprende a falta de reacción da Xefatura Territorial de Educación, á que se dirixiron para trasladarlle a necesidade de mellorar o inmoble e o recinto do CEIP de Andrade, que conta cuns 110 alumnos, do municipio eumés e tamén de concellos veciños como Vilarmaior ou Miño.

«Non entendemos que [Educación] atenda outro tipo de peticións, mentres que sobre temas tan serios e graves coma estes nin responden aos correos. Xa non sabemos que facer», recoñecen, cansos e dispostos a mobilizarse para que as súas demandas «sexan escoitadas». «O básico é a seguridade do colexio e ter un espazo cuberto para que poidan desenvolver as súas actividades. Trátase de que os espazos se adapten ás necesidades, non que as actividades estean condicionadas polos espazos», resumo desde o Anpa.

«Unha escola rural ten moitas vantaxes, pero sen instalacións non atraes a máis alumnado», advirten. O colectivo lamenta, doutra banda, a perda dun docente de Infantil, este curso, o que obrigou a unificar as clases de 5.º e 6.º: «Mandamos un escrito con firmas de moitas familias, e nada nos dixeron».