A enorme emoción do fillo do mestre de Ortigueira paseado e desaparecido en 1936
ORTIGUEIRA
O asasinado Rafael Fernández Casas foi homenaxeado nesta localidade, coa presenza dos seus familiares
19 nov 2025 . Actualizado á 12:59 h.Mestre, escritor e activista cultural, Rafael Fernández Casas pertence á larguísima saga de personaxes fascinantes que pasaron polas comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal. Ademais era Venerable Mestre da Logia Masónica Agarimo de Santiago, co sobrenome de Orientado. Así chamou tamén ao seu fillo, Orientado Fernández, que este domingo recibiu con grande emoción a homenaxe póstuma ao seu pai: paseado e desaparecido no cruel verán de 1936, nunca realmente localizado.
Xusto onde Rafael deu clases, na escola de Devesos (Ortigueira), unha foto de grupo mostra ao querido profesor rodeado dos seus alumnos. Alí celebrouse a homenaxe do domingo, onde o seu fillo Orientado e a súa nora Sira emocionáronse ata as bágoas ante a súa foto, o recibimento de ramos de flores e as palabras de recordos. No acto estivo presente unha representación da asociación cultural Memoria Histórica Democrática. Como indican desde este colectivo, «na escola colocouse ademais unha placa na memoria deste mestre laico, innovador e galeguista».
Sociedade A Devesana
A organización correu a cargo da Sociedade de Instrución e Recreo A Devesana. E o acto estivo pechado polo cronista Xosé Carlos Breixo. Nado en 1901 en Bos aires, Rafael Fernández Casas regresou a Galicia coa súa nai e irmáns en 1903. Pasou polo Hospicio de Santiago, estudou Maxisterio (entón chamado a Normal), exerceu en Palas de Rei, nas parroquias orteganas de Devesos e San Adrián, e en Carnoedo (Sada). En Ortigueira casouse con Melisendra Lamelas, e máis tarde sería presidente do Ateneo de Sada. O 20 de agosto de 1936 foi detido en Carnoedo e paseado en Trasanquelos (Oza-Cesuras). «Os intentos de exhumación levados a cabo en 2023 no Cemiterio de Trasanquelos non deron resultado positivo», laméntanse desde Memoria Histórica Democrática.