José M. Bermúdez, práctico xubilado: «En Ortigueira, nos 50 e os 60 viñan os motoveleros con abono, cemento e sal, e íanse cargados de madeira»
ORTIGUEIRA
Este ortigueirés aprendeu e herdou o oficio do seu pai, e exerceuno en Ortigueira, Cariño e A Coruña, onde se xubilou en 2014
16 nov 2025 . Actualizado á 13:33 h.A José Manuel Bermúdez Garrote (Ortigueira, 1950), manobrar gústalle desde neno. O seu pai era práctico (de 1945 a 1950, en Cedeira, e desde entón ata a década dos 70 en Ortigueira e Cariño) e del aprendeu o oficio que tamén acabou herdando. O segundo de cinco irmáns é capitán da Mariña Mercante e a lesión sufrida nun pé cando navegaba na compaña Transatlántica Española deixoulle en terra, un parón temporal que acabou sendo definitivo.
«O meu pai xa estaba enfermo e non podía ir aos barcos e eu, cunha férula, aguantaba, e o axudante de mariña díxome se podía ir atendelos, e así empecei», lembra. Anos antes, cando só tiña 16, xa axudara a entrar a algún barco, onda o seu tío. Aquela interinidade durou apenas catro meses, e en xuño de 1979 foi nomeado práctico de número dos portos de Ortigueira e Cariño, onde exerceu ata 1995, cando o director xeral da Mariña Mercante designouno práctico do porto da Coruña, e alí xubilouse en 2014.
«Gustábanme moito as manobras, ía co meu pai a sondar a barra de Ortigueira, que tiña moito tráfico nos anos 50 e 60 porque viñan os motoveleros, que traían abono, cemento e sal, e íanse cargados de madeira para os portos de Xixón e Bilbao, para as minas. Había meses de 25 e 30 barcos», repasa. Explica que na súa etapa, «Ortigueira aínda tiña actividade, con tres ou catro mercantes de mil toneladas que ían a un taller que lles facía as reparacións dos motores; á parte dos pesqueiros de Espasante, que ían cambiar os aparellos e prepararse para o bonito, e en outubro cambiaban para ir ao peixe espada e o marraxo, e despois volvían para a castañeta... eran 15 ou 16 e calaban máis que os motoveleros. Tiña que metelos con mareas vivas en Ortigueira», relata. Espasante, sinala, «era o único porto pesqueiro de España sen porto, porque non tiña espigón nin peirao de atracada (o que fixeron despois foi tan mal feito que onde había sete metros de calado agora hai dous)».
O libro dedicado a Espasante
En 2024, Bermúdez Garrote publicou o libro Barcos do depósito e confraría de Espasante, do que xa se viñeron máis de 700 exemplares. «Escribino porque o meu pai lles deu clase ao 95% dos patróns de Loiba, Cedeira e Cariño. Recordo, con menos de dez anos, ver a toda esa xente na miña casa estudando. A moitos tíñalles que ensinar a ler e escribir... no mar todos somos unha familia», remarca. El tamén formou a patróns e mariñeiros de Espasante e Cariño, nos anos 80, contratado pola Xunta e polo Instituto Social da Mariña. Así, e como axente de seguros, compensaba os escasos ingresos que percibía como práctico. «O consignatario dicíame: ‘Dan máis catro barcos de mil toneladas que un de cinco mil'. E era así, pero en Cariño empecei a meter barcos cada vez máis grandes, que viñan de Avilés ou Xixón con chapa naval para Ferrol e no canto de irse en lastre pasaban por Cariño e cargaban dunita (e aínda que o frete fose baixo, dáballes para o gasoil e a tripulación). E de vinte barcos pasei a catro ou cinco, e custábame moito a vida, porque xa tiña familia».
A situación mellorou cando se aprobou o pago obrigatorio dun canon do 1,5% «para todos os armadores nos portos pequenos, para axudar a protexelos». Pero o gran cambio na carreira profesional deste práctico chegou en 1995, co seu traslado á Coruña, onde tamén deu clases do máster de Dereito Marítimo durante 13 anos. «As tarifas (antes fixábaas o Ministerio de Defensa e logo pasaron ás autoridades portuarias) eran baixas, pero había moito tráfico [...]. En Cariño, o problema era a falta de medios, e os barcos pequenos eran máis perigosos porque cando viña unha onda case estabas amais (coa túa embarcación). Na Coruña pódenche dar protección, tes unha ampla baía onde podes gobernar. Hoxe todo evolucionou moito en seguridade», destaca.
«Gocei tanto manobrando»
A súa muller, que é de Espasante, cando chegaba a casa riseira adoitaba dicirlle: «Hoxe pagabas ti». «E si, como hai Deus. Gocei tanto que no canto de pagarme a min o armador debía pagarlle eu por deixarme manobrar», confesa. En tantos anos de oficio viviu situacións de perigo, en días de forte temporal, e en ocasións, con grandes buques con algunha avaría ou capitáns pouco avezados. Unha vez tivo que evacualo un helicóptero dun barco cisterna dos que foran «a chupar o cru, cando o Prestige», que logrou sacar, con ondas de dez metros.