O misterio do raio verde visto desde o mellor banco do mundo, na costa de Ortegal

A. CUBA ORTIGUEIRA / LA VOZ

ORTIGUEIRA

El rayo verde, sobre el horizonte, visto desde la costa de Loiba
O raio verde, sobre o horizonte, visto desde a costa de Loiba RAFAEL PRIETO VIDAL

Un veciño de Loiba captou coa súa cámara, por segunda vez, este curioso fenómeno óptico

23 jun 2025 . Actualizado á 12:39 h.

«Non é nada doado velo», remarca Enrique Alonso, presidente da Fundación Ceo, Ciencia e Cultura, promotora do Observatorio Astronómico de Forcarei. Pero Rafael Prieto Vidal, veciño de Loiba, volveu a captar coa súa cámara o raio verde. Xa ocorrera entre finais de xaneiro e principios de febreiro de 2018, e hai uns días sucedeu de novo. Apostado no mellor banco do mundo, na costa de Loiba, para observar e fotografar a posta de sol, logrou inmortalizar esa extraordinaria mancha de cor verde sobre o mar.

«É un tema visual. Depende da situación da atmosfera, se está máis ou menos estable, a temperatura, se hai brétema ou non, no momento exacto en que se ve o último raio de sol antes xusto de porse... en función do estado da atmosfera, ás veces fai ese efecto óptico», explica Alonso. Aclara que «non é un raio, é unha luz de ton verdoso que estamos a ver nese momento e que está a percorrer moitísima atmosfera. Vén a nivel de auga, a nivel do horizonte, non é como ver a lúa ou o sol en altura».

O sol vai cambiando de cor a medida que vai baixando, explica,: «A media tarde ver máis branco, logo máis alaranxado e cando se está pondo, é totalmente laranxa. En realidade, o sol non cambiou, é a luz que percorre moitísima máis atmosfera e aí hai unha chea de gases, CO2, vapor de auga, osíxeno... e a luz que percorre a atmosfera reacciona con eses gases». Iso provoca o ton alaranxado.

Puesta de sol, en un momento previo a la formación del rayo verde
Posta de sol, nun momento previo á formación do raio verde RAFAEL PRIETO VIDAL

O raio verde «é un efecto parecido, pero máis acusado, porque é xusto no momento en que máis atmosfera percorre, e en función de como está de turbulenta, ocorre ou non», engade. Insiste en que «non é doado velo; hai moita xente que o intenta e non o consegue». Aínda que podería formarse igualmente sobre terra, «sobre o mar normalmente hai menos obstáculos e o sol vémolo uns segundos máis que, por exemplo, sobre unha montaña... co mar non hai barreira ningunha, é o momento máximo en que podemos ver o sol antes da posta».

Prieto Vidal, que se define a si mesmo como «un observador», leva anos retratando o crepúsculo desde o popular banco de Loiba. Foi precisamente el quen ideou este asento, un lugar privilexiado para vivir o ocaso, co cabo Ortegal e Vos Aguillóns (Cariño) ao fondo. Esta vez, este cariñés de Feás asentado en Loiba volveu a lograr a fazaña de «atrapar» co seu obxectivo o mítico raio verde, que dá título a unha novela de Julio Verne. Conta que nos últimos tres ou catro días viuno dúas veces máis, «pero as imaxes son de menos calidade».