Fin a seis semanas de pesadelo okupa en Ortigueira: «Sentes impotencia»
ORTIGUEIRA · Exclusivo subscritores

As persoas que se instalaron nunha vivenda de Céltigos o 27 de abril deixárona despois de recorrer a sentenza que lles obrigaba a desaloxala
13 jun 2025 . Actualizado á 10:10 h.O pesadelo okupa durou xusto seis semanas. Sete adultos (con varios menores ao seu cargo) instaláronse nunha vivenda da parroquia de Céltigos, en Ortigueira, tras forzar a porta de entrada, a noite do 27 de abril. O 8 de xuño, tamén domingo, abandonaron o inmoble. No medio, o 23 de maio, a titular do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución Número 1 de Ortigueira ditou unha sentenza condenatoria, que acordaba o desaloxo inmediato destas persoas do inmoble. Os okupas recorreron esta decisión dentro dos cinco días de prazo estipulados, pero antes de que se resolvese a apelación deixaron a casa.
Os propietarios da vivenda, que denunciaron os feitos ao día seguinte de que este grupo de persoas a okupara, accederon ao inmoble este luns, acompañados da Garda Civil. «Está moi sucia, vimos varios danos, como portas descolgadas, persianas e un somier rotos, queimaduras de cabichas no sintasol (no chan) e en varias cadeiras. No exterior hai moitos desperdicios (dedícanse á chatarra e deixaron o que non lles servía) e tivemos que avisar ao Seprona. Aínda non fixemos reconto do que pode faltar, meteron moitas cousas (vaixelas, roupa) en bolsas do lixo e subíronas ao faiado», comentan os titulares. Si botaron en falta o marco dun espello e o pé dunha mesa de mármore, ambos de bronce. Igual que o cortacésped, a rozadora, o cortasetos, potas, tixolas e outros útiles domésticos.
«Chegounos un recibo de auga de 471 euros por un mes e 66 de luz», explican. A xuíza responsabiliza aos sete okupas dun delito leve de usurpación, acorda o desaloxo e tamén os condena a unha multa de 840 euros cada un, e ao pago de 1.936 euros pola reparación da porta principal da vivenda, «e na cantidade que se determine na fase de execución da sentenza polos consumos de auga e de electricidade desde o 27 de abril ata o día do efectivo desaloxo do inmoble». Os afectados dubidan que poidan chegar a cobrar esta compensación polas desfeitas sufridas.
A demanda de alarmas dispárase
A experiencia, subliñan, «foi fatal, horrible... sentes unha impotencia total, de non saber que facer e non poder facer nada, en realidade». Máis aló da denuncia. Celebran a rápida resolución por parte do xulgado: «A lei cambiou e axuda a que se aceleren os procesos. De non modificarse a lei, igual estabamos meses e meses». Recoñecen que tanto a eles como, sobre todo, aos veciños da zona gustaríalles que o Concello de Ortigueira «mostrase máis interese no tema, aínda que non sexa unha competencia directa do Concello», dada a preocupación que xerou este feito; e agradecen o apoio do colectivo veciñal de Céltigos. A inquietude suscitada pola okupación traduciuse nun aumento da demanda de información e da contratación de servizos de alarma noutras vivendas que non están habitadas durante todo o ano, por temor a que se poida repetir a situación.
En canto á familia okupa, de etnia xitana, un dos testemuños recolleitos na sentenza indica que «son da zona de Covas, en Viveiro, onde viviron toda a vida, pero tiveron que saír tres meses por decisión dos patriarcas [...], por problemas con outra familia da mesma etnia». Segundo un deles, comprometíanse a abandonar a vivenda de Céltigos unha vez que pasase ese tempo e puidesen regresar ás súas casas, en Covas.